[14-11-2016] Baile, merenda, gaitas e pandeiretas. O pazo da Peregrina encheuse na tarde do venres, 11 de novembro, de familias dispostas a cantar, bailar e pasalo ben na primeira foliada que o Servizo de Normalización Lingüística organiza en Ames ao abeiro do programa Apego. Tratábase de facer unha festa como as de antes e crear un contexto onde nenos, nenas, papás, mamás, avós e avoas puideran divertirse en galego con naturalidade. A resposta foi máis que satisfactoria de xeito que acudiu moita máis xente da que se apuntara e todos e todas con ganas de troula. A concelleira de Normalización Lingüística, Isabel Vaquero, asistiu coma unha folieira máis e anunciou que a foliada vaise repetir e vai chegar tamén ás parroquias.
“A nosa idea e non cinguirnos ao Pazo da Peregrina senón que a actividade se poida levar ás parroquias e que tamén sirva para coñecer outros lugares do concello. É importante saír de Bertamiráns e do Milladoiro e aproveitar todas as potencialidades de Ames: a xente e os lugares”, manifestou Isabel Vaquero, concelleira de Normalización Lingüística. Vaquero amosouse realmente encantada coa resposta das familias de Ames ao convite da foliada. “Sabíamos que se apuntara moita xente pero non criamos que fose asistir tanta e con tantos instrumentos e tantas ganas de festa, aínda que o número non é o máis importante, senón ver que o están pasando ben, que bailan, que cantan e que falan neste espazo que pensamos como un espazo natural para que os nenos e as nenas se socialicen e convivan en galego e con naturalidade, que ao final é o que pretendemos con esta actividade”.
E a pretensión cumpriuse: Máis dun cento de familias viviron unha tarde de convivencia entre xeracións ao son da nosa música e do noso baile. Así o valora Carme, que acudiu á foliada cos seus netos de doce, nove e catro anos e a súa pandeireta: Non pensei que fora ser así; pagoume moito a pena traelos, están gozando ao máximo con outros nenos e ademais é moi bonito que coñezan como era a vida de antes e que o día de mañá teñan ese recordo da avoa tocando a pandeireta e cantando cancións en galego como se facía antes”. Do que se facía antes, fala outra avoa, Teresa: “Antes a xente da aldea xuntábase nos cubertos e levaban as pandeiretas e gaita de fol, quen a tiña, e cantábase, bailábase, e así tamén se coñecían os rapaces e as rapazas e facíanse mozos”.
Na súa Venezuela natal, coñecéronse Soneydis e Cesar que levan en Ames só desde o mes de agosto e que xa participaron no Obradoiro de Lingua e Cultura. A parella, que está agardando a chegada ao mundo do seu primeiro fillo gozou tamén da foliada: “Samuel nacerá en xaneiro e xa estamos inscritos no programa Apego”. Salpicando verbas en galego con acento venezolano, poñendo especial fincapé en pronunciar xe e nh, Soneydis di que o Apego vainos axudar a integrar o seu fillo na cultura galega e a eles mesmos.
Sonia acude á foliada acompañada de Libia, que ten 18 meses e non para de estender os brazos cara ao interior do pazo dicindo “alí, alí”, mentres mamá fala coa Radio Municipal. Sonia levaba xa tempo seguindo o programa Apego e foi das primeiras en apuntarse cando Ames se adheriu: “para min esta foliada supón un paso máis, un paso que facilita que a nena teña contacto con outros nenos nunha contorna na que se fale galego”. Para Sonia, que tampouco contaba con que a foliada tivera tanto éxito, é moi importante que esa transmisión implique tamén que hai ocio e entretemento e vida en galego e non so nalgunhas materias da escola.
Aser, o papá de Xián e Alba, tamén está vinculado ao Apego desde o seu inicio en Ames. De feito, o seu fillo maior fixo de actor nun dos primeiros vídeos de promoción do programa: “Estou aquí por sacar aos meus fillos nenos do contexto lingüístico no que se desenvolven habitualmente, porque eu teño comprobado que os nenos entre si falan fundamentalmente castelán, por moito que na casa, como é o noso caso, sexan galegos falantes. Pero algo pasa na nosa sociedade que provoca que cambien de rexistro cando falan entre eles. Aí están as influencias escolares e as políticas que consideran que o galego é so unha cuestión folclórica que non necesita tanta atención ou que non son conscientes da realidade da perda de falantes. Por iso veño e por iso estou aquí, para que o meu fillo e a miña filla, poidan nun contexto como este, asimilar que o galego é algo máis que a lingua que se fala na casa e da que os examinan no colexio”.
Adrián e Ana, papás de Moira, coñeceron o programa a través da rede e valíanse xa dos seus recursos antes de que chegara a Ames: “O programa dáche moitos recursos desde arrolos, xogos para contar, xogos para facer coa cara e coas mans, cancións e rimas en galego”. Para esta familia o máis importante desta actividade é que axuda a tecer redes reais para vivir con naturalidade a lingua: “Nós principalmente buscabamos coñecer outros pais e outras familias que queiran criar aos seus fillos en galego, porque é moi difícil que falando con iguais no que a maioría falan outra lingua, adquirir e manter a nosa fala, así que xuntanzas coma esta serven tamén para coñecernos e para establecer contactos que permitan ter máis contextos para os nosos nenos e nenas nos que o galego se viva con naturalidade”.
O programa Apego naceu dunha proposta da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) e coordinase e mantense dende os servizos de normalización lingüística dos 23 concellos participantes. As familias que estean interesadas neste proxecto poden atopar ampla imformación tanto na súa páxina www.apego.gal como no perfil de Facebook: www.facebook.com/apego.gal.




