Pestanas principais

Máis dun cento de alumnos da Escola Municipal de Música de Ames ofrecen este venres o concerto de Entroido

Mércores, 11 de febreiro de 2015

[11-02-2015] O Concello de Ames inaugura as actividades do Entroido cun concerto dos alumnos da Escola Municipal de Música. Ao redor de 120 rapaces e rapazas interpretarán preto dunha vintena de obras de diversos estilos musicais nunha cita que terá lugar o venres, ás 19:30 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns.

A actuación enmárcase, ademais, na celebración do décimo aniversario da escola e agárdase que o público encha o auditorio amesán. Highway to hell (AC/DC), Blanco y negro (Malú), Lazy song (Bruno Mars) ou Milonga del marinero y el capitán (Los Rodríguez) son algunhas das pezas que se escoitarán da man de músicos locais de todas as idades.  

Récord de matrículas  
As matrículas da Escola Municipal de Música de Ames (EMMA) increméntanse cada ano e na actualidade conta cuns 210 alumnos. Está situada no Centro Multiusos de Aldea Nova e diariamente ofrece clases de piano, violín, saxofón, percusión, frauta e guitarra. Tamén se imparten ensinanzas de linguaxe musical e para os pequenos de entre 4 e 6 anos danse clases de Música e Movemento.  

Luns de Entroido en Bertamiráns  
Continúa aberto o prazo para participar na Festa de Entroido de Ames, que se celebrará o luns-16 no aparcadoiro da Telleira, en Bertamiráns. Haberá concursos de disfraces e de receitas típicas do Carnaval con música a cargo da charanga BB+ e a orquestra Los Players. As inscricións para o concurso de disfraces poderán realizarse ata as 11:00 horas do mesmo día da festa chamando ao teléfono 981 53 59 40 ou a través do enderezo cultura.milladoiro@concellodeames.org. Tamén se pode acudir á Casa da Cultura do Milladoiro, de luns a venres, en horario de 9:00 a 14:00 horas.  

O Concello de Ames repartirá un total de 4.025 euros en diferentes categorías e o mellor disfrace realizado con material reciclado recibirá 100 euros. Os participantes deberán presentarse na carpa, que estará instalada no aparcadoiro da Telleira entre as 17:00 e as 18:00 horas para iniciar o desfile.