Pestanas principais

Máis dun centenar de persoas participaron nas actividades e cursos da Aula CeMIT de Ames no mes de novembro

Venres, 08 de decembro de 2017

[08-12-2017] A Aula CeMIT contou este mes de novembro con 11 cursos, unha charla e dous exames programados. Dos cursos, catro estiveron destinados a crianzas, un á mocidade e os restantes a persoas adultas. No tocante ás charlas, o primeiro luns de novembro tivo lugar unha videoconferencia acerca da resolución de conflitos en materia de consumo. Do mesmo xeito, tamén se realizou un exame CODIX de autoformación, mentres que exame presencial EMA de teleformación foi suspendido por falta de inscricións. A Aula Aberta contou, pola súa banda, con máis de 300 usuarias e usuarios no mes de novembro.

O primeiro dos cursos do mes de novembro para persoas adultas foi o relativo á formación en follas de cálculo en LibreOffice Calc, no que se ofreceron contidos de nivel medio. O curso, que comezou o 31 de outubro e rematou o 9 de novembro, contou con seis persoas participantes. Entre o 14 e o 23 de novembro, tivo lugar outro curso acerca da creación de blogs, cuxo obxectivo foi o de ensinar a crear, ás persoas asistentes, o seu propio blog dunha maneira gratuíta e sinxela. Este curso contou co mesmo número de asistentes que o de follas de cálculo, é dicir, con seis participantes.

Dentro do ciclo básico de informática para persoas adultas e maiores encadráronse os cursos “Iniciación á Informática para adultos”, “Iniciación á internet para adultos” e “Iniciación ás redes sociais”. A finalidade dos tres foi introducir ao alumnado no mundo da informática. O primeiro deles, o de introdución á informática, desenvolveuse entre o 19 de outubro e o 2 de novembro. Nel, as 13 persoas asistentes abordaron cuestións básicas como o manexo do rato e do teclado ou o uso de formatos de texto básicos. 

O segundo dos cursos en realizarse foi o de “Iniciación á internet para adultos”, que tivo lugar entre o 7 e o 16 de novembro. Nel abordáronse as buscas e a navegación en xeral na internet. Por último, entre o 21 e o 30 de novembro, desenvolveuse o curso “Iniciación ás redes sociais”, que tratou acerca das mellores formas para xestionar dunha maneira segura as redes sociais. Ambos os cursos contaron tamén con 13 persoas participantes.

Desde o Goberno, o Alcalde de Ames e responsable TIC destaca o carácter formativo e o impulso que se está a dar dende a administración local á aula CeMIT de Ames, procurando facilitar a toda a cidadanía o acceso ás novas tecnoloxías nuns tempos como os actuais, no que o Concello de Ames está a implementar de xeito global a administración electrónica.

Cursos para nenas e nenos
Do 18 de outubro ao 15 de novembro, impartiuse o curso “Informática para nenas e nenos”. O curso, que estivo centrado na introdución e familiarización das crianzas co ordenador e co uso da internet, contou con 13 participantes. O segundo dos cursos destinado ás crianzas foi o de mecanografía, que se desenvolveu entre o 16 de outubro e o 13 de novembro. Neste caso, o alumnado dividiuse en dous grupos: un de nenas e nenos menores de 10 anos, que contou con 11 participantes, e outro para maiores de 10 que contou con 4.

Pola súa banda, o curso “Procesador de textos LibreOffice Writer para estudantes” tivo lugar do 20 ao 29 de novembro. Esta formación, que estivo enfocada a facilitar o acceso do estudantado ás ferramentas básicas para a realización de traballos escolares, contou con 7 alumnas e alumnos. Ademais, en novembro, tamén tiveron lugar dous cursos de xadrez para crianzas, un de nivel iniciación e outro de nivel avanzado. Titorizado por Alberto Dios, e supervisado polo axente TIC, o curso de nivel iniciación contou con 14 participantes e o de nivel avanzado con 10.

Charlas divulgativas e exames EMA e CODIX
Como é habitual, o primeiro luns de cada mes, a Aula CeMIT de Ames acolle unha videoconferencia desde a Escola Galega de Consumo. A charla de novembro versou, nomeadamente, sobre a resolución de conflitos en materia de consumo. A charla, que tivo lugar entre as 11:00h e as 12:00 horas, con con sete asistentes.

O 17 de novembro realizouse un exame CODIX de autoformación. O exame, que é presencial, é obrigatorio á hora de acadar o diploma de competencias dixitais en ofimática. No mes de novembro, foron 11 as persoas que realizaron o exame. O 24 de novembro, tamén estaba prevista a realización dun exame EMA de teleformación. Porén, finalmente non se realizou xa que non se inscribiu ningunha persoa. Debido a isto, o tempo destinado á realización do exame foi reconvertido a hora de Aula Aberta.

Aula Aberta
A Aula Aberta tivo, no mes de novembro, unha grande afluencia de xente. No total, 114 persoas pararon por ela en horario de mañá, mentres que o reconto final das persoas usuarias de tarde ofrece un resultado de 214 persoas. Destas 328 persoas, 230 foron adultas e 98 menores de idade. Cómpre destacar, asemade, que o 22 de novembro o horario foi ampliado dúas horas, para compensar o tempo de instalación do software para o curso de robótica que se impartirá este Nadal.