Pestanas principais

Máis do 40% da poboación escolar de Ames concéntrase no núcleo urbano do Milladoiro

Martes, 07 de xuño de 2016

[07-06-2016] Este luns 6 de xuño ás 19:00 horas presentouse na Casa da Cultura de Bertamiráns o informe realizado polo IDEGA, o Instituto universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia, sobre as necesidades educativas do concello amesá. Un estudo que combina a información de datos censais e de escolarización coa obtida a través de enquisas realizadas a centros escolares ou a familias. O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, e unha das investigadoras do IDEGA, Mª José Piñeira, introduciron ao público os datos máis salientables. O informe completo estará dispoñible na páxina web municipal.

“Este estudo é unha ferramenta imprescindible para planificar e ordenar os equipamentos educativos do concello”, comezou David Santomil “o Consello Escolar Municipal empregarao como documento base para realizar as propostas de investimento á Xunta de Galicia”.

O crecemento da poboación amesá, unha das máis activas demograficamente en Galicia e mesmo en España, foi diminuíndo co tempo. Os mapas mostran unha distribución da poboación de maior idade nas áreas rurais amesáns e unha concentración da poboación nova nas áreas urbanas. Tres cuartas partes das nenas e dos nenos en idade escolar- os tramos de idade nos que se centra a investigación- residen en núcleos urbanos e o 42,9% vive no Milladoiro.

“É interesante observar”, explicou ao público a investigadora do IDEGA, “como os centros educativos reciben a alumnos e alumnas que se atopan fóra da súa área de influencia, o que fai que os traxectos dos buses escolares sexan bastante longos”. Outro dato destacable é a comparación entre a poboación en idade escolar que habita na área de influencia dun centro educativo e o número de alumnas e alumnos matriculados, en proporcións en ocasións bastante baixas, “un indicador evidente de que a Xunta debe realizar unha nova zonificación dos centros escolares”, afirmou Santomil.

O informe detecta algunhas das contradicións da organización dos centros educativos amesáns “con centros como o IES Plurilingüe de Ames, cuxo alumnado supera a súa capacidade orixinal, mentres que outros, como o IES do Milladoiro, teñen prazas vacantes”, explicou Santomil. “Isto débese a que o segundo é un centro de recente construción e o alumnado de secundaria da zona desprazouse até Santiago de Compostela. O Milladoiro mostra ademais a necesidade de reestruturar as súas infraestruturas educativas".

Ademais dos problemas de falta de capacidade nos centros educativos as enquisas realizadas reflectiron outras inquedanzas. Familias e profesionais educativos coinciden na falta de espazo, pero ademais solicitan “o aumento de persoal de apoio a nenas e nenos con necesidades especiais, da construción de máis patios cubertos ou da dotación de máis espazos multiusos aos centros”, relatou Piñeiro.

Solucións a curto e medio prazo
O concelleiro de Educación trasladoulle ao público que o Concello defende unha dobre política: “A ampliación de centros por un lado, para solucionar os problemas a curto prazo, e a construción de centros novos para facelo a medio e longo prazo”. A través de reunións coa Consellería de Educación chegouse a unha proposta estruturada en tres fases. “Para o curso 2016-17 ampliaranse tres aulas para 1º de primaria no CEIP Agro do Muíño e outras tres para educación secundaria no IES Plurilingüe de Ames”, a continuación no curso 2017-18 “o Concello cederá unha parcela da contorna do IES Plurilingüe de Ames e porá a disposición da Xunta de Galicia outra parcela anexa ao CEIP Agro do Muíño”. Isto sumará 3 aulas máis en cada un dos centros, incrementándose unha liña completa en cada un. “Por outra parte no ano 2018 poñerase a disposición da administración autonómica outra parcela de entre 15.000 e 20.000 metros cadrados para a construción dun novo CEIP na área de influencia do Milladoiro”, declarou Santomil.

O concelleiro destacou tamén que a investigación presentada este luns permite cotexar os datos da poboación en idade escolar coa necesidade de novos centros, para buscar as parcelas onde construír futuras instalacións. Por outra banda David Santomil anunciou que se manterá unha nova xuntanza coa Consellería de Educación a vindeira semana para concretar os detalles da execución dunha nova sala de usos múltiples para o CEIP de Barouta, que “debería estar xa realizada durante o vindeiro curso”.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "O Milladoiro suma el 40 % del alumnado y sigue sin colegio"
La Voz de Galicia: "Milladoiro concentra casi la mitad de la población en edad escolar de Ames"