Pestanas principais

Máis de vinte rapaces e rapazas participaron no III Campus de Verán de fútbol sala Meigas e Trasgos

Martes, 31 de xullo de 2018

[31-07-2018] A terceira edición do Campus de Verán Meigas e Trasgos, realizado entre os días 2 e 13 de xullo en horario de 10.00 a 14.00 horas, contou coa participación de 22 nenos e nenas nados entre o 2002 e o 2013, que durante dúas semanas non só practicaron fútbol sala, senón que tamén puideron iniciarse en outros deportes como baloncesto, voleibol, fútbol americano ou colpbol. Durante a primeira quincena de xullo, os nenos e nenas que participaron no Campus adicaron dúas horas diarias a practicar fútbol sala. Durante as outras dúas horas, adestradores e monitores profesionais guiaron aos cativos e cativas na introdución en outros deportes como o baloncesto, voleibol ou fútbol americano, ademais de realizar diversas actividades na piscina descuberta de Bertamiráns para acabar a xornada.


Para afianzar os valores de colaboración e traballo en equipo sobre os que se basea tanto o FC Meigas como a EFS Trasgos, nesta edición tamén realizaron un mundialiño de colpbol, que ocupou un lugar importante entre as actividades desenvolvidas no Campus. Este deporte, cuxa finalidade é introducir a pelota na portería contraria golpeando o esférico coas mans, tivo un enorme éxito entre os nenos e nenas, debido a que o seu carácter integrador e a súa facilidade regulamentaria permite que nenos de distintas idades poidan participar.

O Campus de Verán Meigas e Trasgos supuxo unha experiencia multidisciplinar na que o nexo común foi o fútbol sala, máis os rapaces e rapazas participantes puideron introducirse noutras disciplinas depotivas. Non faltaron as actividades na piscina descuberta de Bertamiráns e outras moitas sorpresas para os máis de vinte nenos e nenas que se animaron a participar da experiencia. Todo, baixo o paraugas da colaboración, traballo en equipo e adquisición de valores, eixos fundamentais do labor de aprendizaxe do FC Meigas e a EFS Trasgos.

En vista do éxito acadado nas anteriores edicións, organizadas polo FC Meigas e EFS Trasgos en colaboración co Concello de Ames, a Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia, tense previsto realizar un novo Campus durante o próximo Nadal. Ata entón, poderemos desfrutar durante setembro dos adestramentos a porta aberta de FC Meigas e EFS Trasgos.