[16-02-2015] O aparcadoiro da Telleira, en Bertamiráns, foi o escenario da Festa do Entroido de Ames, que se celebrou na tarde deste luns. Asistiron máis de tres mil persoas, segundo datos da Policía Municipal, que desafiaron ao tempo, moitas delas ataviadas cos seus mellores disfraces.
O alcalde, Santiago Amor, e compañeiros do grupo de goberno entregaron os premios contra as nove da noite. Amor destacou o “gran valor que ten unha participación tan elevada, así como a asistencia, nestas festas que serven para botar o demo fóra”. Pola súa parte, a concelleira de Cultura, Eugenia Martín, suliñou o “notable crecemento na participación, tanto en cantidade como en calidade”, que se debe –na súa opinión– a premios mellor dotados e á mellora xeral da organización.
Un ano máis, a alta participación, máis de seiscentos disfraces inscritos no certame, caracterizou esta festa que incluíu tamén concurso de receitas típicas do Entroido. Anotáronse 9 comparsas e 6 grupos, mentres que nos disfraces individuais rexistráronse 18 en adultos e 9 na categoría infantil. No tocante ao concurso-degustación de receitas típicas de Entroido, presentáronse unha decena de delicias gastronómicas.
Gañadores do concurso de disfraces
Na categoría de comparsas o primeiro premio, dotado con 1.100 euros, foi para a comparsa “Simios na rúa” (Portonovo), da Asociación Portonovo na Rúa. O segundo premio, de 600 euros, recaeu na comparsa “Fantasía de África” (Tomiño), da Asociación Cultural Ciclón. E o terceiro premio, de 500 euros, foi para a comparsa “Revolución Show” (Tomiño), cuxo representante é Sergio de Sáa Fernández.
Na categoría de grupos gañou “Frozen una aventura congelada” (Ordes), que obtivo un premio de 500 euros. Na segunda posición quedou o grupo “O mundo en bolas” (Brión), que obtivo 300 euros, mentres que a terceira posición foi para o grupo “El Hobbit” (Bertamiráns), que se levou 150 euros.
Na categoría de adultos, o gañador, que recibiu 200 euros, foi “O gardián dos montes” (Dodro). O segundo premio, de 150 euros, foi para “Quimera” (Vilagarcía). O terceiro e último premio desta categoría, dotado con 75 euros, recaeu en “Maléfica” (Camelle). Na categoría infantil, o disfraz gañador foi “El viejo duende” (Santiago), que recibiu un premio de 100 euros. No segundo posto -con 75 euros- quedou “O queixo de Bama” (Teo), mentres que a terceira posición -con 50 euros- foi para “O moteiro” (Teo).
Concurso-degustación de receitas típicas do Entroido
María del Carmen Rey Castro, veciña do Milladoiro, pola receita “Orellas de Carnaval”, premio Prato Mellor Elaborado e 250 €. Juan Manuel Bautís Otero, veciño do Milladoiro, pola receita “Torta carnavaleira”, premio Prato Mellor Presentado e 250 €. Marisol Fialli Delgado, da cafetería da Casa da Cultura do Milladoiro, pola receita “Crocante de pataca”, premio Prato Máis Creativo e 250 €.
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "«Simios na rúa» triunfa en el desfile de Ames"




