Pestanas principais

Máis de cen persoas xa están apuntadas na campaña de Nadal “Zocos e Trasnos”

Martes, 22 de novembro de 2016

[22-11-2016] A Oficina de Voluntariado de Ames e a asociación veciñal “Vivo en Ames” continúan recrutando trasnos para este Nadal. Persoas voluntarias que desexen participar na campaña “Zocos e trasnos” para achegar agasallos a nenos e nenas de familias amesás que atravesan dificultades económicas. Máis de cen persoas xa están apuntadas para participar desta iniciativa solidaria.

O persoal da Oficina de Voluntariado de Ames e os membros de “Vivo en Ames” están traballando a reo para que este Nadal ningún neno ou nena queden sen agasallo. Para isto puxeron en marcha a campaña Zocos e Trasnos, onde os zocos son nenos e nenas de 0 a 14 anos cuxas familias están a pasar dificultades económicas. A organización é a encargada de recoller as cartas de Reis dos zocos e facelas chegar aos trasnos. É entón cando as e os voluntarios deben escoller un dos agasallos das cartas, envolvelo e entregalo nalgún dos puntos de recollida situados por Ames.

Para escoller un regalo teranse en conta tres requisitos: non deberán ter carácter sexista nin bélico, e ter un custo que ronde os 30 euros. Case cen persoas se apuntaron xa en Ames para ser trasnos este Nadal, e tanto a OVA como os membros da asociación Vivo en Ames animan a outros veciños e veciñas a sumarse á campaña. Para facelo pódese chamar ao teléfono da OVA, 662 377 044 ou da asociación veciñal Vivo en Ames, 687 054 635, enviar un correo electrónico ao enderezo zocosetrasnos@gmail.com, enviar unha mensaxe privada ás páxinas de Facebook da OVA ou ben de Vivimos en Ames, ou solicitalo de forma presencial na oficina da OVA, situada na Casa da Cultura de Bertamiráns.