Pestanas principais

Máis de cen persoas gozaron onte dunha velada multicultural de música de cámara no Pazo da Peregrina

Luns, 10 de xullo de 2023

O XIII Festival Peregrinos Musicales continuou onte a súa andaina cunha velada multicultural no Pazo da Peregrina. Máis de cen persoas acudiron a esta cita, que contou con solistas procedentes de Ucraína, Alemaña, Italia e distintos puntos de España. A veciñanza amesá puido gozar dun concerto de novos talentos que finalizou cunha actuación de piano a catro mans. O alcalde de Ames, Blas García, amosouse moi satisfeito por poder ofrecer no Concello “unha programación cultural centrada na música clásica”.

O alcalde amesán, Blas García, e a directora artística do evento, Ilona Timchenko, deron a benvida aos numerosos asistentes. O rexedor amosou a súa satisfacción por “poder ofrecer no noso Concello unha programación cultural centrada na música clásica”. Neste senso, asegurou a súa intención “de poder seguir colaborando con este tipo de iniciativas”. Pola súa banda, Timchenko agradeceu o apoio amosado ao festival para despois ofrecer unhas breves indicacións sobre as distintas actuacións que protagonizarían os novos solistas internacionais.

A primeira en subir ao escenario foi a pianista ucraína Sonya Zhólobova, que interpretou catro pezas de Schubert-Liszt, Brahms, Debussy e Albéniz. Seguidamente, o clarinetista vasco Pablo López amosou o seu talento interpretando a Introducción e Rondo Op. 72 de Charles-Marie Widor.

Continuou a velada co pianista pobrense Yuri Durán, que se encargou de interpretar o Étude-Tableaux nº5 de Sergei Rachmaninoff, compositor homenaxeado nesta décimo terceira edición do Festival Peregrinos Musicales co gallo do 150 aniversario do seu nacemento. A pianista de Culleredo, Cristina Bernal, tamén interpretou dúas obras de Rachmaninoff Preludio nº5 Op. 23 e Étude-Tableaux Op.39, nº4.

Pola súa banda, o fagotista alemán, Emanuel Sint, deleitou ao público do Pazo da Peregrina coa Sonatina para fagot e piano (1952), de Alexandre Tansman. A violinista vasca, Nerea Arriola, foi a encargada de pechar as actuacións destes novos talentos internacionais coa Polonesa Brilante en La Maior Op. 21, de Wieniawsky, e coa Danza Española de la vida breve, de Manuel de Falla.

Peche da velada con The Ride Duo
Como broche á xornada en Ames, ofreceuse unha actuación de piano a catro mans, a cargo de The Ride Duo, integrado por Marco Rinaudo e Stefano Visintainer. Ambos os dous pianistas italianos meteron ao público no peto coa súa interpretación da obra Guiseppe Martucci-Pensieri “Un Ballo in Maschera”, de Giuseppe Verdi.

Mañá, concerto coa Real Filharmonía de Galicia
A cita máis importante do XIII Festival Peregrinos Musicales terá lugar mañá ás 20.30 horas no Auditorio de Galicia, coa celebración do tradicional concerto coa Real Filharmonía de Galicia, con Maximino Zumalave como director. Está prevista a asistencia do director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo. A entrada é de balde.

Os seis gañadores do Certame Internacional de Novos Talentos terán a oportunidade de actuar como solistas con esta formación. “Trátase dunha oportunidade única para proxectar a carreira profesional destas novas promesas da música de cámara”, conclúe Ilona Timchenko, quen agradeceu á Real Filharmonía de Galicia o seu apoio desde os inicios do Festival Peregrinos Musicales. A directora artística do evento animou á cidadanía e visitantes a asistir a esta xornada.

Unha vez finalizado o concerto coa Real Filharmonía de Galicia, procederase a facer entrega dos premios do concurso incluído dentro do Festival Peregrinos Musicales. Entregaranse, pois, o Premio do Público, valorado en 1.000 euros e resultante das votacións realizadas polo público sobre as actuacións dos seis gañadores do Certame Internacional de Novos Talentos. Ademais, entregarase o Premio da Asociación Peregrinos Musicales, consistente nun concerto con caché a celebrar dentro do programa das Festas do Apóstolo deste ano.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Jóvenes solistas ofrecieron una velada de música clásica sin fronteras en Ames"

Máis de cen persoas gozaron onte dunha velada multicultural de música de cámara no Pazo da Peregrina

Multimedia

  • Máis de cen persoas gozaron onte dunha velada multicultural de música de cámara no Pazo da Peregrina