Pestanas principais

Máis de 900 persoas participaron nas actividades realizadas pola Aula da Natureza durante o 2010

Venres, 04 de febreiro de 2011

[04-02-2011] A Aula da Natureza realiza un gran labor en prol da valorización, difusión e conservación dos espazos naturais do termo municipal de Ames. Este é un dos apartados que centran o traballo desta área, dependente da Concellaría de Medio Ambiente, pero hai moitas outras actividades que dependen desta concellaría como son os obradoiros de educación ambiental, a preparación e difusión de campañas de sensibilización ambiental e a organización de campamentos de verán, entre outras. Todas estas iniciativas desenvólvense grazas á colaboración doutros departamentos municipais. A Aula da Natureza traballa da man con diferentes departamentos municipais xa que o coidado do medio ambiente é cousa de todos. En 2010 o número de persoas que participaron nas diferentes actividades programadas por este departamento ascenderon a 911.

O concello de Ames é un lugar de excepción no cal podemos atopar paisaxes naturais de grande beleza. A concellaría de Medio Ambiente pon en marcha todos os anos diversas actuacións encamiñadas a protexer e conservar as paraxes naturais do territorio amiense. Normalmente cando se fala da Aula da Natureza crese que só realiza actividades cos centros de ensino e cos máis cativos enfocadas ao fomento da educación ambiental. Iso non é así xa que este departamento tamén desenvolve outro tipo de accións co obxectivo de revalorizar o espazo natural.

Valorización, difusión e conservación da natureza

Unha das principais actividades que se desenvolveron o ano pasado foi a valorización, difusión e conservación dos espazos naturais do concello. Dentro deste apartado abórdanse diferentes traballos como son as labores que se enfocan a frear o deterioro do Río Sar e as súas ribeiras. A Aula da Natureza xunto coa brigada de garda medio ambiental coordina e supervisa o traballo das diferentes brigadas.

Tamén se abordan outro tipo de actividades como é a divulgación do espazo da Rede Natura 2000, que inclúe unha serie de espazos naturais protexidos a nivel da Unión Europea, co obxectivo de coidar os espazos naturais máis importantes de toda Europa. O Val da Maía está incluído na Rede Natura 2000, dentro do sistema fluvial Ulla-Deza, e abarca o último tramo do río Sar ao seu paso polo Concello de Ames, así como os terreos limítrofes. Dentro deste espazo da Rede Natura, o correspondente co noso termo municipal é un total de 56 hectáreas, o que supón un 0,70% da superficie do concello.

Durante o pasado 2010 puxéronse en marcha varias campañas de sensibilización ambiental.

Así, esta sumouse á campaña "Mobilízate pola selva" organizada polo instituto Jane Goodall e promovida en Galicia polo CEIDA, mediante a que se pretendía difundir a mensaxe da importancia de reciclar os móbiles para axudar á conservación dos ecosistemas africanos vítimas do espolio do coltán, material co que se fabrican as baterías destes aparellos. Esta campaña dirixiuse aos veciños en xeral e promoveuse tamén nos centros de ensino e con ela conseguiuse reciclar 150 móbiles que nos permitiron apadriñar a 4 chimpancés do Instituto Jane Goodall como recoñecemento desta actuación.

Tamén se puxo especial empeño na celebración do Día Mundial dos Humidais, lembrando a importancia destes ecosistemas como elementos fundamentais no mantemento da biodiversidade.

Neste apartado tivo especial importancia a exposición das mellores fotografías da sétima edición do Certame Nacional de Fotografía Científica Fotociencia, que estivo aberta ao público do 1 ao 12 xuño no Pazo da Peregrina. Con esta exposición pretendíase pór a disposición do público xeral fotografías espectaculares relacionadas co mundo científico, como xeito de celebrar o Día Internacional do Medio Ambiente.

Para a promoción do consumo sustentable organizouse, en colaboración cos departamentos de Promoción Económica e Emprego e o de Servizos Sociais, a quinta edición do Mercado do Troco que tivo lugar o 18 de decembro e no que participaron 58 persoas. Con esta iniciativa pretendíase aproximar á xente a realidade do consumo sustentable a través do mercado do troco e do comercio xusto.

Fronte aos incendios desenroláronse diversas campañas de prevención de lumes. A Concellaría de Medio Ambiente xunto con outros departamentos realizaron diversas accións para levar a cabo os traballos preventivos de incendios requiridos tanto no plan municipal como no plan do distrito forestal. Ademais, levouse a cabo a redacción e seguimento dos convenios de repoboación previsto para este ano 2011 e elaborouse unha campaña informativa sobre estes temas difundida a través de bandos, cuñas de radio, mediante o envío de cartas aos veciños, etc.

No eido da conservación dos recursos naturais do concello, durante 2010 fixéronse dúas repoboacións en terreos particulares froito da sinatura de dous convenios de tala, roza e repoboación.

Coa finalidade de achegar á xente aos espazos naturais, organizouse unha excursión ás Lagoas de Cospeito na que participaron 30 persoas e outra pola ruta de Riamontes á que acudiron 45 persoas, ademais das saídas micolóxicas. A primeira delas tivo lugar en outubro e a segunda en novembro, participando nestas 86 e 40 persoas, respectivamente. Así, os interesados puideron coñecer de primeira man os cogomelos e o seu hábitat.

Mantemento do monte escolar

Este actividade xuntou a 160 nenos e nenas de Ames co fin de seguir traballando no mantemento do monte escolar. O Concello de Ames dispón de dúas parcelas en Trasmonte, cedidas por dúas veciñas amienses, onde o alumnado dos centros de ensino poden levar a cabo actividades de carácter ambiental como a recuperación do patrimonio forestal do concello, analizar os efectos dos incendios forestais no medio, diferenciar entre as distintas especies forestais, etc.

No 2009 os alumnos aprenderon a diferenciar as herbas aromáticas que se poden encontrar no espazo forestal, mentres que en 2010 a Aula da Natureza encargouse de elaborar cos rapaces destes centros accións de recuperación e mellora do medio. Así, encargouse de coordinar os traballos de mantemento do bosque escolar para o que se levaron a cabo labores de limpeza e un proceso de marcación de amarras entre abril e outubro do pasado ano. Tamén se levou a cabo dúas plantacións, a primeira realizárona 100 alumnos e alumnas do colexio Ventín, e outra que estivo a cargo das pequenas mans de 60 nenos e nenas da Escola Infantil O Bosque de Bertamiráns.

Ademais, dende a área de Medio Ambiente levou a cabo a tramitación da documentación necesaria sobre este proxecto de "Monte escola" para a súa presentación ao Concurso CONAMA 2010.

Educación ambiental

Dende Medio Ambiente tamén se realiza unha importante labor cos centros de ensino de cara a fomentar a educación ambiental. Un total de 593 nenos e nenas que cursan os seus estudios nos centros educativos de Ames participaron en diferentes obradoiros, excursións, actividades micolóxicas, entre outras iniciativas, que teñen unha vital importancia ambiental.

En 2010 colaborouse cos centros educativos do concello pondo á súa disposición diversas actividades para aprenderlles aos rapaces e rapazas a valorar a importancia dos espazos naturais e os métodos de conservacións dos mesmos. Para iso, organizouse un itinerario cultural-ambiental polo Camiño Real Santiago-Fisterra no que participaron 80 persoas. Tamén se organizaron diversos obradoiros sobre as enerxías renovables nos que participaron 60 persoas.

Por outra banda existe unha programación trimestral dirixida a toda a cidadanía amiense na que se realizan obradoiros e visitas a espazos naturais de interese. Os obradoiros sobre o planeta Terra e de elaboración de caixas de niños -61 participantes- ou as excursións a Costa de Dexo e ao Cabo Touriñán foron algunhas das actividades nas que participaron con frecuencia un grupo de veciños e veciñas de Ames.

Tamén se realizaron obradoiros sobre o mar baixo o título "Un mar de lecturas". Este foi o lema da biblioteca municipal para a campaña de animación á lectura desenvolvida o curso pasado. A Aula da Natureza e a Biblioteca municipal traballan de xeito conxunto en moitas das actividades que se organizan para os nenos e nenas. Un total de 141 nenos/as participaron nos diferentes obradoiros ambientais.

Por Nadal, aproveitando as datas, realizouse un obradoiro de postais de elaboradas con elementos naturais nos que 25 rapaces e rapazas puideron achegarse a esta nova forma ecolóxica de felicitar as festas.

Pero nesta área non só se encarga das actividades realizadas polo Concello senón que tamén colabora con diferentes organizacións ambientais que perseguen os mesmos fins que este departamento, polo que ao longo do ano pasado animouse aos veciños a participar no Concurso de Debuxo e Fotografía dos Concellos pola Sostibilidade organizado pola Fegamp e no que un veciño de Ames logrou un accésit na categoría de adultos.

Campamentos de verán

Durante os meses estivais a concellaría de Medio Ambiente encargouse de organizar en colaboración co departamento de educación unha ampla oferta de campamentos para todos os nenos e nenas que cursan estudos de infantil e primaria. Un total de 216 nenos/as participaron nestes campamentos .Dende este departamento faise unha valoración dos posibles destinos aos que poden acudir os cativos tendo en conta o seu interese ambiental.

Actuacións en espazos naturais do concello

Durante 2010 e como todos os anos dende esta área diríxense diversos traballos de creación, recuperación e mantemento dos espazos naturais do concello.

Deste xeito acóllese regularmente a convocatoria das axudas a actividades, actuacións ou medidas de concellos incluídos na Rede Natura 2000. No ano 2010, ó abeiro da orde do 19 de maio que regula as devanditas axudas, concédennos a realización dun Proxecto piloto de técnicas de restauración de marxes e ribeiras no rio Sar, en zona Rede Natura do Concello de Ames (sistema fluvial Ulla-Deza).

Así mesmo, e en coordinación ca brigada de garda ambiental, deseñase, planificase e supervísanse os traballos de desbroce, limpeza, acondicionamento e outros traballos levados a cabo por diferentes brigadas de cooperación. En concreto no ano 2010 actuaron dúas brigadas.

A brigada de protección dos marxes fluviais e do espazo forestal do concello de Ames (2009-2010) que, integrada por tres peóns, durante o 2010 levou a cabo as seguintes accións: desbroce selectivo e manual das superficies do camiño Santiago - Fisterra cubertas con vexetación accesoria, abarcando no só a franxa de terreo que constitúe o camiño en sentido estrico senón tamén tres metros sobre as zonas laterais de protección, sendo en todo momento respectuosos coa biodiversidade da zona. Retirada de necromasa resultante destes desbroces co fin de evitar riscos de pragas e propagación de incendios forestais e recollida de lixo; e o acondicionamento (desbroce e retirada de lixo) da ruta de pescadores dende Tapia a Lens e a revisión do estado das pontellas instaladas polo Concello de Ames.

Pola súa banda, a brigada de protección dos marxes fluviais e do espazo forestal (2010-2011), integrada por 5 peóns, acondicionou as vías e camiños municipais de acordo coa lei de prevención e defensa contra incendios forestais de Galicia, realizou labores de roza de xeito manual e selectiva no río Sar e de recollida de lixo. Tamén se dedicou a localizar e marcar as árbores de anteriores repoboacións no Itinerario Ambiental "As beiras do río Sar", revisou o estado das arquetas e rozou de xeito manual e selectiva a marxe dereita do río no tramo comprendido entre Lapido e a Condomiña. Por último, realizaron traballos de mantemento dos paneis interpretativos, traballos de acondicionamento do viveiro municipal.

Festa da Natureza

Un ano máis e con motivo da celebración do día Internacional do Medio Ambiente, o día 6 de xuño de 2010 celebrouse a VI edición Festa da Natureza organizada pola Aula da Natureza e que, por segundo ano consecutivo, fíxose coincidir co Encontro Gastronómico Intercultural organizado por Servizos Sociais.

A temática elixida nesta edición foi a Biodiversidade. Houbo unha exposición de insectos e plantas, así como un obradoiro sobre a diversidade e a olería. Así mesmo estiveron representados os produtos locais e o comercio xusto e responsable. Estas actividades estiveron coordinadas e complementadas cas organizadas polo departamento de Servizos Sociais no tocante a temática de integración intercultural. Arredor de 2.000 persoas pasaron pola área recreativa de Tapia, lugar onde se celebrou este evento, e algo máis de 100 persoas participaron nos obradoiros ambientais.

Así pois, a Concellaría de Medio Ambiente superou as súas expectativas para o 2010 e logrou congregar a un amplo número de persoas en torno ás súas actividades, o que demostra que ano a ano esta consegue unha maior adhesión no que a defensa, mantemento e coñecemento da biodiversidade se refire.

A nova noutros medios dixitais:

Contido relacionado


El Correo Gallego: "El aula de la naturaleza de Ames reunió a 900 personas"
La Voz de Galicia: "Casi mil amienses pasaron por el Aula da Natureza"