[16-10-2012] Máis de 90 alumnos e alumnas do IES de Cacheiras, do concello de Teo, percorreron os case 13 quilómetros que conforman a senda verde de Ames. Acompañados por unha técnica de Medio Ambiente do Concello de Ames e por catro profesores/as, os rapaces, que cursan 1º de Ensinanza Secundaria Obrigatoria (ESO), fixeron o seu particular camiño por un dos recursos naturais do municipio con máis valor paisaxístico e patrimonial. Aínda que o tempo non acompañou, os nenos e nenas gozaron da experiencia e descubriron o valor ambiental da zona.
Paso a paso, os e as asistentes observaron con atención os diversos recursos naturais dos que dispón este camiño que une O Milladoiro e Bertamiráns e coñeceron máis de cerca, grazas ás explicacións da técnica do Concello, a zona. Foi unha senda formativa na que aprenderon numerosos coñecementos relacionados con cultivos, política de prevención de incendios e xestión sostible do monte, entre outros.
Pequenas paradas para destacar aspectos ambientais relevantes para Ames e, en xeral, para a comunidade galega, marcaron o inicio da senda. A Lei de prevención de incendios e as obrigas autonómicas, locais e dos particulares en canto á política forestal, á observación de bos exemplos de xestión sostible do monte, ao paso por "O Compostelán" (primeira liña ferroviaria de Galicia entre Cornes e Carril) e á importancia dos cultivos de millo e pataca, así como das toxeiras, xesteiras e plantas ruderais no ecosistema galego, marcaron os primeiros pasos dos camiñantes.
Dúas horas despois, os e as asistentes realizaron un pequeno descanso de media hora no campo da festa de Bugallido. Tralo receso, volveron iniciar a ruta na que o valor patrimonial do ecosistema amiense alcanzou o seu máximo expoñente. Así, os camiñantes puideron adquirir coñecementos vinculados á interpretación do conxunto arquitectónico da Igrexa de Bugallido, a formación e características do Val da Maía e do río Sar, a importancia das carballeiras e carballos e, tamén, das brañas da Devesa como ecosistemas para a conservación da diversidade biolóxica, así como, a relevancia da gándara de Bertamiráns "Espazo rede Natura 2000".




