[20-07-2013] Desde o pasado sábado, 15 de xuño, as piscinas descubertas de Bertamiráns e do Milladoiro e a área recreativa de Tapia están abertas ao público. Durante este primeiro mes da época estival só as piscinas descubertas de Bertamiráns e do Milladoiro foron empregadas por máis de 8.000 persoas. A este numero de usuarios/as habería que sumarlle un gran número de persoas que se achegan todos os días ata a praia fluvial de Tapia. Entre o 15 de xuño e 15 de xullo vendéronse nas piscinas municipais un total de 3.000 entradas ás persoas maiores de 18 anos e 3.150 entradas aos menores de 18 anos. Ademais, un total de 1.900 persoas fixeron o carné de socio para poder empregar estas instalacións durante a época estival.
O bo tempo e a calor que estamos tendo dende a última semana do mes de xuño está provocando que sexan moitas as persoas que acudan diariamente ás piscinas descubertas de Bertamiráns e do Milladoiro, así como a área recreativa de Tapia, para refrescarse. Estas instalacións convértense durante os meses de verán en lugares moi visitados por todos os veciños e veciñas de Ames. Nada mellor para liberarse da abafante calor do verán que un baño nas piscinas municipais ou na praia fluvial de Tapia.
Entre o 15 de xuño e o 15 de xullo as piscinas municipais de Bertamiráns e do Milladoiro tiveron unha gran afluencia de xente. O mesmo ocorreu na área recreativa de Tapia onde os veciños e xente da contorna acudiu para refrescarse e liberarse da calor na praia fluvial desta localidade amiense. Durante este primeiro mes da época estival xa se venderon 6.150 entradas para acceder ás piscinas descubertas de Bertamiráns e do Milladoiro. Un total de 3.000 entradas vendéronselle ás persoas maiores de 18 anos, mentres que 3.150 entradas foron adquiridas por menores de 18 anos para poder acceder a estas instalacións.
Ademais, un total de 1.900 persoas fixeron o carné de socio para poder empregar estas instalacións durante a época estival (600 carnés realizáronse en Bertamiráns e 1.300 no Milladoiro). Este ano produciuse un forte incremento na expedición de carnés de socio, xa que se o comparamos co verán de 2012 tramitáronse 643 carnés máis. Por outra banda, tamén se produciu un incremento no número de entradas vendidas para poder empregar as piscinas municipais. De tódolos xeitos, ás persoas que se encargan de controlar a entrada nestas instalacións, sempre teñen en conta o aforo das piscinas para que non haxa problemas de seguridade no seu interior.
Operativo de seguridade
Para garantir a seguridade dos usuarios/as destas instalacións, o Concello de Ames dotounas cun operativo de seguridade composto por 8 socorristas e 6 vixiantes. O servizo de vixilancia e socorrismo do Concello de Ames estará activo ata o 15 de setembro, incluídos os domingos e os festivos. O horario é ininterrompido, pero hai diferencias entre Tapia e as piscinas. Así, na praia fluvial de Tapia hai 4 socorristas. O horario de vixilancia, de luns a venres, é de 15:00 h a 21:00 horas, mentres que os sábados e domingos este servizo préstase en horario de 11:00 h a 21:00 horas.
Por outra banda, nas piscinas municipais descubertas do Milladoiro e de Bertamiráns hai 2 socorristas en cada unha das piscinas. O horario de vixilancia é fixo de 10:30 h a 20:30 horas, de luns a domingo. Para cubrir este servizo, o Concello de Ames sacou a licitación a contratación do servizo de socorrismo e primeiros auxilios na praia fluvial de Tapia e nas piscinas descubertas. Este contrato foi adxudicado, por un importe total de 48.279 euros, á empresa Brétema Ocio e Tempo Libre.
Para completar os labores de vixilancia o Concello de Ames realizou un proceso selectivo para contratar a seis vixiantes que atenden as instalacións das piscinas municipais descubertas do Concello de Ames durante o período estival. Estes vixiantes son os encargados de realizar tarefas relacionadas co funcionamento das piscinas e co control do cumprimentos das normas das dependencias e os medios. Así, encárganse de abrir e pechar as instalacións, limpalas e coidalas, regar as zonas axardinadas, velar por un uso correcto das instalacións, controlar o acceso ás mesmas e comprobar que as augas dos vasos estean dentro dos parámetros químicos establecidos. Cada piscina ten asignados dous vixiantes, que desenvolverán as tarefas por quendas, polo que sempre haberá unha persoa traballando para manter as instalacións.




