Pestanas principais

Máis de 8.000 persoas asistiron ás actividades incluídas na programación deseñada para o Nadal polo Concello de Ames

Martes, 07 de xaneiro de 2014

[07-01-2014] A visita dos Reis Magos este domingo puxo fin á programación deseñada polo Concello de Ames para o Nadal 2013. Entre o 13 de decembro e o 5 de xaneiro desenvolvéronse no municipio amiense máis de 30 actividades pensadas para todos os públicos. A programación, que contou co apoio económico da Deputación da Coruña, resultou un éxito de público, xa que máis de 8.000 persoas asistiron presencialmente a todo tipo de eventos programados, aínda que foron moitas máis as persoas beneficiadas indirectamente por estas actividades e servizos na época do Nadal. A programación incluíu un festival de maxia, obradoiros, o acendido do alumeado de Nadal, representacións teatrais, a visita dos Reis Magos ou concertos musicais. Tamén se celebraron varias actividades de carácter solidario, como os partidos benéficos ou a recollida de xoguetes.

O alcalde de Ames, Santiago Amor, fixo un balance “moi positivo” desta programación, que permitiu ofrecer actividades para toda a familia, desde os máis pequenos aos maiores. O rexedor fixo fincapé en que, “un ano máis e a pesar da actual conxuntura económica, o Concello deseñou unha programación variada e de calidade, con propostas para todos os públicos”.

Santiago Amor subliñou o carácter solidario de moitas das iniciativas programadas e “a resposta decidida dos cidadáns amienses a estas propostas, sempre dispostos a colaborar e a apoiar aos que o necesitan”. Destacou, ademais, a boa acollida que teñen sempre as actividades programadas para os máis pequenos, que puideron gozar de música, teatro e da visita dos Reis a Ames. Finalmente, o rexedor agradeceu, ademais, “o esforzo levado a cabo polos diferentes departamentos municipais e traballadores, que coa súa implicación fixeron posible o éxito desta programación”.

A programación de Nadal comezou o venres 13 de decembro co tradicional acto de acendido do alumeado de Nadal. Máis de 200 veciños e veciñas de Ames asistiron ao acto 'Acendemos o Nadal', que tivo lugar na Casa do Concello e que incluíu a actuación da orquestra de frautas da Escola Municipal de Música (EMMA) e unha degustación gratuíta de chocolate con churros. O inicio do Nadal tamén incluíu o obradoiro 'Contamos un conto', no que participaron máis de 50 nenos e nenas de 2 a 6 anos de idade.

A programación cultural continuou esa mesma fin de semana, coa celebración da oitava edición do Festival de Maxia no Milladoiro e Bertamiráns. Máis de 800 persoas asistiron ás dúas Galas Máxicas programadas e, ademais, centos de alumnos e alumnas de Ames puideron gozar dos espectáculos de dous magos que percorreron os colexios. Esta iniciativa achegou á cidadanía amiense o espectacular mundo dos magos. Ilusionistas nacionais e internacionais sorprenderon e entretiveron a adultos e nenos/as cos seus trucos de maxia, entre os que se atoparon o escapismo ou a levitación.

Música e teatro
Na programación de Ames houbo, ademais, espazo para a música. A Casa da Cultura de Bertamiráns quedou pequena para acoller a todas as persoas que asistiron o 20 de decembro ao tradicional concerto de corais de Nadal no que se deron cita as corais do concello. Neste encontro actuaron a coral Antonio Santomil de Bugallido, a coral de Piñeiro, a coral de Ames, a coral Lojo Batalla de Tapia, a coral Nosa Señora do Corpiño de Oca e a coral JUPEMI. Os nenos e nenas tamén puideron gozar dunha programación músical á súa medida. Deste xeito, a Casa da Cultura do Milladoiro acolleu o venres 27 de decembro o espectáculo 'Tic Tac, o reloxo vai soar', do cantante e multiinstrumentista Pablo Díaz. Só tres días despois, os máis pequenos tiveron outra cita coa música en Bertamiráns, onde actuou o grupo Mamá Cabra que representou o espectáculo Bicos de Música.

Pero non só houbo programación musical para os nenos/as, os maiores tamén puideron participar nunha sesión de baile con chocolate, que se desenvolveu o venres 27 de decembro no pavillón de Bertamiráns.

A programación de Nadal tamén recolleu varias obras de teatro infantil. O luns 23 de decembro, representouse "Xan Perillán" na Casa da Cultura do Milladoiro. Uns días despois, o xoves 26, houbo máis teatro infantil, pero esta vez da man da compañía Elefante Elegante, que representou"Nuncabunga" na Casa da Cultura de Bertamiráns.

O 2014 tamén comezou con teatro para os máis pequenos. O xoves 2 de xaneiro, ás 17:00 horas, a compañía Baobab Teatro interpretou a peza teatral "O soldadiño de chumbo", na Casa da Cultura do Milladoiro. Ao día seguinte, o venres 3, houbo máis teatro infantil co espectáculo "O Crebanoces", unha actividade realizada en colaboración entre o Concello de Ames e a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

Obradoiro Imos cantar o Nadal
Este ano a programación de Nadal incluíu un novidoso obradoiro denominado "Imos cantar o Nadal", que se desenvolveu o sábado 21 de decembro na Biblioteca do Milladoiro. Nesta actividade os nenos e nenas puideron construír os seus propios instrumentos sonoros e participaron na recuperación de cantos de Nadal e Reis. Posteriormente, os participantes realizaron unha saída para cantar polas rúas e algúns establecementos comerciais e hostaleiros, para rematar a actividade nunha merenda cos aguinaldos conseguidos.

Programación deportiva de carácter solidario
A programación deportiva deste Nadal estivo composta polo V partido benéfico de baloncesto, o segundo partido solidario de fútbol contra o cancro, o I Maratón Fitness Solidario, a II Carreira ciclista do pavo e pola I Gala de Nadal do Club de patinaxe artística Omega. Neste Nadal 2013 destacou o carácter solidario das actividades deportivas programadas, que tiveron como obxectivo recadar fondos e alimentos para as persoas máis desfavorecidas. Un ano máis, a poboación amiense amosou o seu carácter solidario e participou activamente nestas iniciativas. 

Cabalgata de Reis
As actividades culturais da programación de Nadal remataron o domingo pasado coa celebración da cabalgata de Reis. As maxestades de Oriente chegaron a Ames en tren. A primeira parada que fixeron foi no pavillón do Milladoiro ás 17:30 horas. Unha hora máis tarde, ás 18:30 horas, estiveron no Pavillón de Bertamiráns. Os Reis Magos estiveron acompañados por paxes reais e atenderon as peticións de todos os nenos e nenas. Esta visita rexistrou tamén un éxito de asistencia de público, a pesar da chuvia e do vento.

Ludotecas
Outra das iniciativas que se puxeron en marcha este Nadal é o servizo de Ludoteca, que se ofreceu nos centros de ocio Educalia, en Bertamiráns, e Tralará, no Milladoiro. Un total de 150 nenos e nenas empregaron este servizo, que se ofreceu de xeito gratuíto presentando unha nota de compra do mesmo día de calquera establecemento comercial de Ames.



Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Más de ocho mil amienses asistieron a los actos del programa de Nadal"