[26-07-2012] Os pavillóns Bertamiráns e Ventín acollen estes días un campus de patinaxe e hockey no que participan máis de 70 nenos e nenas de Ames. Todos os días, entre as nove da mañá e as 14,30 horas, os rapaces amienses poden coñecer de preto estes deportes e as súas técnicas. Ademais, esta actividade favorece a convivencia entre os alumnos e alumnas, que destinan as mañás a facer deporte e divertirse.
O obxectivo deste campus, impartido por monitores de Hockey Compostela, é dar a coñecer estes deportes e impulsar a convivencia e a relación entre os rapaces. Deste xeito, os nenos e nenas aprenden a patinar a través de xogos e coñecen as normas básicas do hockey. Ademais, reciben masterclass impartidas por deportistas profesionais, que lles achegan as súas experiencias.
O concelleiro de Educación do Concello de Ames, Bernardo Moar, estivo presente na clausura das actividades da primeira quincena e entregou as medallas aos rapaces que participaron no campus. O próximo martes, 31 de xullo, clausurarase a segunda quincena do campus con numerosas actividades e partidos. Tanto os monitores como os rapaces asistentes amósanse contentos coa experiencia.




