[30-04-2018] O pavillón polideportivo de Bertamiráns acolleu o pasado sábado, 28 de abril, o X Trofeo de Karate Concello de Ames, no que participaron 75 nenas e nenos de entre 3 e 13 anos, repartidos entre as categorías benxamín, alevín, infantil, xuvenil e cadete. Como novidade deste ano, todas as categorías do Trofeo foron mixtas. A competición, que estivo organizada polo Club Deportivo Karate Ames, contou coa colaboración da Concellaría de Deportes do Concello de Ames. O Club Deportivo Karate Ames tamén desenvolveu durante o sábado un taller de defensa persoal. Dito taller contou coa participación dunha vintena de persoas.
O pasado sábado, 28 de abril, celebrouse o X Trofeo de Karate Concello de Ames no pavillón municipal de Bertamiráns. O Trofeo comezou ás 16:00 horas cun encontro entre as nenas e nenos participantes, co obxectivo de potenciar o coñecemento mutuo entre as crianzas dos diferentes clubs. O encontro tamén quixo fomentar unha boa convivencia e promover os valores positivos ligados á práctica deste deporte. Entre ás 18:00h e as 19:00 horas realizáronse as diferentes probas que conformaron o evento deportivo, nas que participaron 75 cativas e cativos de sete clubs diferentes da contorna.
Unha vez finalizadas as probas, procedeuse á entrega dos galardóns ás nenas e nenos gañadores. Desta maneira, na modalidade kata, na categoría benxamín, clasificáronse como os tres mellores Manuel Lamas do club Avalon Kai, Gael Tobío de Karate Ames e Carmen Rodríguez do Bushi Kai. Na categoría alevín, resultaron gañadoras tres crianzas deste último club, o Bushi Kai: Sara Macho, Claudia Fraga e Teo Fernández.
Na categoría infantil da modalidade kata, os trofeos foron entregados a Carolina Méndez do Karate Ames, a Emma Taboada do Bushi Kai e a Marcelo Bueno do club Avalon Kai. Na modalidade xuvenil, resultaron gañadores Iván Martínez do Avalon Kai, David Varela do mesmo club e Agustín Orechia do Lamas de Abade.
Pola súa banda, na modalidade kumite, na categoría infantil, as tres primeiras crianzas clasificadas foron Carolina Méndez do Karate Ames, Pablo Lamas do Avalon Kai e Iago Ultreia do Bushi Kai. Por último, na categoría xuvenil, acadaron os tres primeiros postos Iván Martínez do club Avalon Kai e Adrián Dubra e Marcel Bueno, ambos do Bushi Kai.
Modalidade kata e modalidade kumite
No desenvolvemento do X Trofeo de Karate Concello de Ames, cada karateka tivo que competir en dúas modalidades: kata (exhibición) e kumite (combate). Na primeira delas, a competición é en solitario, ao basearse nun exercicio individual cun contrincante imaxinario, no que se deben levar a cabo movemento de defensa e ataque. Nesta modalidade mídese a potencia, a calidade técnica e a destreza na realización dos movementos.
Na modalidade kumite, a competición baséase nun combate sen contacto entre os dous membros dunha parella. En dita modalidade, as mozas e mozos están protexidos en todo momento con casco, peto, luvas e outros elementos de seguridade. Ademais, coa finalidade de garantir a integridade física das crianzas participantes, nesta modalidade está prohibido tocar o casco do rival.
Taller de defensa persoal
O propio sábado, o Club Deportivo Karate Ames organizou tamén un taller de defensa persoal, que estivo dirixido a persoas maiores de 12 anos. O taller desenvolveuse na sala aberta da Casa da Cultura ao longo de dúas horas e media, entre as 10:30h e as 13:00 horas. No total, asistiron a este obradoiro unha vintena de persoas, principalmente mulleres, polo que o contido estivo enfocado principalmente a elas.







