Pestanas principais

Máis de 70 equipos participarán na sétima edición da Ames Cup de fútbol 8

Mércores, 28 de marzo de 2018

[28-03-2018] O Bertamiráns FC, en colaboración co Concello de Ames, organiza unha nova edición do torneo de fútbol base, Ames Cup, que terá lugar no campo municipal de Bertamiráns, do 29 ao 31 de marzo. Uns 1.080 nenos e nenas de 72 equipos, con idades entre os 6 e os 12 anos, participarán da festa do fútbol base en Ames, nas categorías prebenxamín, benxamín e alevín. O equipo anfitrión, o Bertamiráns FC, estará representado con 12 equipos. A organización calcula que a celebración da Ames Cup achegará durante os próximos tres días máis de 3.000 persoas a Bertamiráns.

O torneo disputarase na modalidade de fútbol 8, para o que se habilitarán dous campos de xogo dispostos ao ancho. O xoves 29 realizarase a competición da categoría benxamín, o venres 30 disputarase a competición da categoría prebenxamín, e o sábado 31 de marzo será a quenda para os rapaces e rapazas da categoría alevín. En cada categoría/día participarán 24 equipos. Cómpre destacar o éxito deste torneo, que xa está consolidado na provincia da Coruña e incluso de Pontevedra, xa que se completaron todas as prazas de equipos ofertadas para cada unha das categorías.

Deste xeito, participarán un total de 72 equipos dos concellos de Ames, Negreira, Santiago de Compostela, Padrón, A Estrada, Noia, A Coruña e da comarca do Barbanza. Cada equipo poderá contar como máximo con 15 rapaces e rapazas. O Bertamiráns competirá con catro equipos cada día, polo que contará cun total de 12 equipos no torneo. Todos os partidos terán unha duración de dous tempos de 12 minutos cada un, excepto nas finais, onde cada parte terá unha duración de 15 minutos.

En todas as categorías os equipos estarán divididos en grupos de tres equipos. Primeiro disputarase unha fase de liga, na que os tres equipos se enfrontarán entre si. De seguido, o primeiro e segundo clasificado de cada grupo clasificaranse para a fase final, mentres que os terceiros clasificados xogarán a fase de consolación. A fase final xogarase a través de eliminatorias directas ata chegar a final de cada categoría.