[14-05-2018] A asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí organizou este domingo unha andaina solidaria, co obxectivo de recadar diñeiro para o financiamento dos billetes de avión das nenas e nenos saharauís que, cada verán, veñen a Galicia a través do programa Vacacións en Paz. Desta maneira, as persoas participantes tiveron que pagar un prezo simbólico de 5 euros, aboando un euro no caso de levaren cans. No total recadáronse 372 euros. A iniciativa, que contou coa colaboración do Concello de Ames, desenvolveuse na ruta do Rego da Andoriña.
A andaina solidaria partiu ás 10:30 horas da praia fluvial de Tapia, onde as persoas participantes puideron ver o muíño da Insua, que está restaurado e que aparece recollido no Catastro do Marqués da Ensenada de 1750. De seguido, a ruta proseguiu por unha senda á beira do río Tambre. Unha vez na estrada, continuou ata a Ermida da Nosa Señora da Magdalena conectando, a través dun antigo carreiro, coas ribeiras do Rego da Andoriña.
Ao longo da ruta, as persoas asistentes pasaron ao carón das murallas do castro de Piñeiro e da capela do priorado de San Mamede, chegando posteriormente ata unha pequena fraga, a devesa de Sequeiros, onde puideron ver unha mostra do bosque atlántico. Abandonado o bosque, as e os participantes proseguiron ata atoparen unha pequena fervenza no canal Carreiro. Finalmente, antes de volver ao punto de partida, a ruta transcorreu pola ponte Portochán.
A andaina, que se desenvolveu este domingo, estivo organizada pola asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí en colaboración co Concello de Ames. O obxectivo da mesma foi recadar diñeiro para o financiamento dos billetes de avión das nenas e nenos saharauís que, cada verán, veñen a Galicia a través do programa Vacacións en Paz. Á andaina solidaria asistiron 65 persoas e 29 cans. Grazas a súa participación, recadáronse 372 euros.
Contido relacionado

Compostela 24 Horas: "Más de 60 personas participaron este domingo en la andaina solidaria"




