Pestanas principais

Máis de 500 persoas participaron na quinta edición do concurso e desfile de disfraces que se celebrou no Milladoiro

Luns, 08 de febreiro de 2016

[08-02-2016] A pesar da chuvia que caeu este luns sobre O Milladoiro foron moitos os veciños e veciñas de Ames que saíron á rúa para participar na festa do Entroido, que se desenvolveu nunha carpa instalada no aparcadoiro da Travesía do Porto. Un ano máis o concurso de disfraces tivo unha alta participación con persoas chegadas de diversos concellos e localidades de toda Galicia. Acudiron 8 grupos e 12 comparsas. Ademais, na categoría infantil houbo 10 inscritos e na de adultos rexistráronse 15 inscricións. Repartíronse 3.800 euros entre as categorías infantil, adulto, grupo e comparsa. Ademais, houbo un premio especial de 100 euros ao mellor disfrace creado con materiais de reciclaxe. Este ano como novidade creouse un novo premio dotado de 150 euros para a mellor copla de composición propia cantada en galego. A festa estivo amenizada pola música dunha charanga e da orquestra Israel.

O aparcadoiro da Travesía do Porto, que está situado no Milladoiro, foi o epicentro da festa de Entroido que organizou o Concello de Ames durante a tarde deste luns 8 de febreiro. A animación comezou ás 17:00 horas coa actuación dunha charanga, que se encargou de animar aos asistentes. Ás 18:00 horas comezou o desfile dos participantes polas rúas do Milladoiro. O desfile de disfraces, grupos e comparsas saíu da Travesía do Porto e discorreu polas rúas de Pardiñeiros, Agro do Medio, Agro da Madalena, e dos Cereixos, volvendo a pasar pola Travesía do Porto antes de chegar ao punto de saída.

No concurso de disfraces houbo unha alta participación con máis de 500 participantes inscritos. Na categoría infantil houbo 10 rapaces e rapazas inscritos/as e na categoría de adultos inscribíronse 15 persoas. Ademais, participaron no concurso de disfraces 8 grupos e 12 comparsas, así como o alumnado da escola infantil municipal A Madalena.

En total, calcúlase que houbo arredor de 550 participantes de diversos concellos e localidades de toda Galicia como Vilagarcía de Arousa, Oleiros, Barro, Vigo, Moraña, Redondela, Dodro, A Capela, Ordes, Vimianzo, Portonovo, Pontevedra, Caldas de Reis, Negreira, Poio, Tomiño, Brión e Teo. Do concello de Ames tamén houbo un gran numero de persoas que participaron nas diferentes categorías do concurso de disfraces.

Gañadores do concurso de disfraces
Os gañadores do concurso de disfraces foron os seguintes. Na categoría infantil gañou Uxía Abal, de Santiago, co disfrace A raíña e a súa colmea, que recibiu un premio de 100 euros. No segundo posto quedou Manuel Morán, de Teo, co disfrace Garbanciños para o camiño, mentres que a terceira posición foi para Daniel Campos, tamén de Santiago, co disfrace O neno dos espellos. O segundo clasificado foi premiado con 75 euros e o terceiro cun premio en metálico 50 euros.

Na categoría de adultos os gañadores foron Roberto Atán e Daniel Gómez, de Oleiros, co disfrace Dracotauro e o pastor de dragóns, que foron premiados con 200 euros. O segundo premio de 150 euros foi para Rodrigo Calvo, de Dodro, co disfrace O camiñante de pedra. O terceiro e último premio desta categoría dotado de 75 euros, recaeu en Emilio José Cordo, de Brión, co disfrace Autoescola da terceira idade.

Na categoría de grupo gañaron os sete compoñentes de Os xenerais do entroido, de Ordes, que obtiveron un premio de 500 euros. Na segunda posición quedaron As Curuxas, de Laraño, que obtiveron 300 euros, mentres a terceira posición foi para os 9 compoñentes de As caixas musicais, de Bertamiráns, que levaron 150 euros.

Na categoría de comparsas o premio de 1.100 euros foi para a comparsa Fantasía de primavera, composta por 45 persoas chegadas de Tomiño. O segundo premio de 600 euros recaeu na comparsa Cápsulas alegría, composta por 16 persoas procedentes de Teo. Por último, o terceiro premio de 500 euros foi para a comparsa Invasión na rúa, composta por 60 persoas de Portonovo.

Gañadores dos premios especiais
Por outra banda, o premio especial ao mellor disfrace creado con materiais de reciclaxe, dotado de 100 euros foi para Margarita Mauricio, de Vigo, co disfrace Unha sardiniña reciclada. Ademais, este ano como novidade creouse un novo premio dotado de 150 euros para a mellor copla de composición propia cantada en galego. Neste apartado do concurso competiron tres grupos. Finalmente a mellor copla foi cantada pola comparsa Como mola o tiovivo.

O xurado do concurso de disfraces estivo composto por Tamara Barreiro, representante da empresa Vagalume, Cecilia Portela, presidenta da asociación Musicrearte, e Alicia Rodríguez, deseñadora de vestiario para teatro. A festa rematou cunha verbena a cargo da orquestra Israel.