Pestanas principais

Máis de 500 persoas asistiron ao VII Festival de Maxia Concello de Ames

Luns, 17 de decembro de 2012

[17-12-2012] As localidades do Milladoiro e Bertamiráns acolleron durante esta fin de semana pasada un festival de maxia ao que asistiron máis de 500 persoas. Esta actividade organizada pola concellaría de Cultura achegou á cidadanía amiense o espectacular mundo dos magos. Seis ilusionistas nacionais e internacionais sorprenderon e entretiveron a adultos e nenos/as cos seus trucos de maxia. Na localidade do Milladoiro o Festival de Maxia celebrouse o sábado 15, mentres que en Bertamiráns realizouse o domingo 16 de decembro. Nos obradoiros impartidos polo mago Charly participaron un total de 42 rapaces e rapazas, mentres que ás Galas Máxicas asistiron 366 persoas. Polas carpas do misterio, que estiveron instaladas na rúa, calcúlase que pasaron máis de 100 nenos/as e adultos.

A pesar de que a climatoloxía non acompañou demasiado durante a fin de semana pasada un gran número de veciños e veciñas de Ames gozaron co Festival de Maxia que se desenvolveu nas localidades do Milladoiro e en Bertamiráns. Esta actividade organizada pola Concellaría de Cultura achegoulle á cidadanía amiense o espectacular mundo dos magos. Nesta edición participaron seis ilusionistas de diferentes puntos de Galicia, España e mesmo do estranxeiro.

A concelleira de Cultura, Maria Eugenia Martín, destacou “a boa saúde da que dispón este festival de maxia porque a pesar da choiva que caeu o sábado no Milladoiro e o domingo en Bertamiráns foron moitos os nenos/as e adultos que se achegaron ás Casas da Cultura desta localidades paran participar nos obradoiros de maxia e asistir á Gala Máxica. Vendéronse todas as entradas que estaban á venda e incluso houbo xente que non puido asistir a estes espectáculos porque non había máis aforo nos auditorios. Iso é unha clara mostra do éxito que tivo este festival”.

O Festival de Maxia dividiuse en tres partes. Por unha banda, durante a mañá do sábado e do domingo o mago Charly impartiu un obradoiro de maxia que estivo dirixido aos rapaces e rapazas de 8 a 14 anos. Nesta actividade, que se desenvolveuse nas casas da cultura do Milladoiro e de Bertamiráns, participaron un total de 42 nenos e nenas (15 no Milladoiro e 27 en Bertamiráns). Este ilusionista achegoulle os segredos da maxia a rapazada amiense.

Outra das actividades que se desenvolveron dentro deste festival foron as sesións de maxia da carpa do misterio, que estivo instalada na praza de Manuel Murguía, no Milladoiro, e na praza de Manuel Murguía, en Bertamiráns. Estes espectáculos, que se desenvolveron en horario de mañá, de 12:00 h a 14:00 horas, e de tarde, de 16:30 h a 18:00 horas, estiveron dirixidos a todos os públicos (nenos/as e adultos). No Milladoiro fixéronse un total de 6 pases e en Bertamiráns tan só se puideron facer tres pola tarde. Pola mañá non se puido instalar a devandita carpa debido a forte choiva que caeu nesta localidade. Dende a concellaría de Cultura calculan que por esta carpa pasaron máis de 100 persoas nas nove sesións que se desenvolveron ao longo da fin de semana.


Gala Máxica
Pero a actividade estrela do Festival de Maxia foi a Gala Máxica que se desenvolveu nos auditorios das casa da cultura do Milladoiro e de Bertamiráns. Este espectáculo estivo presentado por Carlos Adriano e contou coa participación do mago Dani Polo, o mago Rafa, o mago Teto, e o mago Sasha. Tanto no Milladoiro coma en Bertamiráns esgotáronse todas as entradas que se puxeron á venda e incluso se houbera máis venderíanse, porque moitas persoas preguntaron ao longo do sábado e do domingo se quedaban entradas libres. No Milladoiro 150 persoas puideron gozar deste espectáculo, mentres que en Bertamiráns asistiron 216 adultos e nenos/as.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "Máis de 500 persoas asistiron ao VII Festival de Maxia Concello de Ames"