Pestanas principais

Máis de 500 espectadores desfrutan da Mostra de Teatro Afeccionado 2025

Martes, 09 de decembro de 2025

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Cultura, desenvolveu ao longo da fin de semana pasada (5, 6, 7 e 8 de decembro) a Mostra de Teatro Afeccionado, unha actividade que se retomou tras o éxito da edición 2024. O ciclo de teatro acolleu finalmente catro representacións teatrais a cargo dos grupos de teatro de Ames, Brión, Muxía e Santa Comba. En total, máis de 500 persoas asistiron ás obras interpretadas nestas xornadas teatrais. Desde a organización amósanse moi satisfeitos coa gran acollida que tivo a volta desta actividade á programación cultural de Ames. 

A Casa da Cultura do Milladoiro acolleu esta pasada fin de semana, de especial interese pola Ponte da Constitución, unha nova edición da Mostra de Teatro Afeccionado tras o éxito da pasada edición de 2024. Unha iniciativa da Concellaría de Cultura xunto coa Escola Municipal de Teatro de Ames e que un ano máis tivo unha moi boa acollida, cun total de 560 espectadores nos catro días de acción. O alcalde, Blas García, pon en valor a labor do departamento de Cultura que traballa de forma incansable para manter sempre no concello unha oferta cultural ampla e variada durante todo o ano.

Dende a organización da Mostra fan un bo balance desta edición e etiquétana de éxito ao ver a tan boa acollida que tivo. O evento tiña como obxectivo principal poñer en valor o esforzo e dedicación dos grupos de teatro non profesionais, así como a cultura e a lingua galega no eido das artes escénicas. 

Bo nivel teatral dos grupos
Deste xeito, o público puido gozar das representacións de Terapia Real, de Teatro das Maniotas (Ies de Brión); As arteiras maneiras de María Volpona, de Escola Municipal de Teatro de Muxía; Un tranvía chamado desexo, de Sen Cancelas Teatro (Santa Comba); e Soño dunha noite de San Xoán, do Grupo Municipal de Teatro de Ames. 

Coa Mostra de Teatro Afeccionado, Ames pechou así a súa programación de artes escénicas do 2025, consolidando a importancia e transcendencia deste ámbito dentro das actividades culturais organizadas polo concello, ademais de axudar a promover e difundir a cultura feita en galego. 

Novas relacionadas

La Voz de Galicia: "La Mostra de Teatro Afeccionado del Concello de Ames reunió a 560 asistentes entre las cuatro jornadas"

Máis de 500 espectadores desfrutan da Mostra de Teatro Afeccionado 2025

Multimedia

  • Máis de 500 espectadores desfrutan da Mostra de Teatro Afeccionado 2025
  • Máis de 500 espectadores desfrutan da Mostra de Teatro Afeccionado 2025
  • Máis de 500 espectadores desfrutan da Mostra de Teatro Afeccionado 2025
  • Máis de 500 espectadores desfrutan da Mostra de Teatro Afeccionado 2025
  • Máis de 500 espectadores desfrutan da Mostra de Teatro Afeccionado 2025
  • Máis de 500 espectadores desfrutan da Mostra de Teatro Afeccionado 2025