[09-06-2013] Máis de medio cento de persoas participaron esta mañá na andaina solidaria organizada polo Concello de Ames co obxectivo de recadar produtos de hixiene e alimentación para bebés. Esta andaina desenvolveuse polo Camiño Real de Santiago a Fisterra ao seu paso polo termo municipal de Ames. Nesta iniciativa participou a concelleira de Benestar Social, María Eugenia Martín, que agradeceu a solidariedade dos asistentes e o seu compromiso coas familias que máis o necesitan. A concelleira de Benestar Social estivo acompañada polo edil de Turismo, Bernardo Moar. Entre os asistentes tamén se atopaba un grupo de membros de Arcea Adames.
A saída da andaina tivo lugar ás 11:00 horas dende o Mesón Alto do Vento. No punto de saída instalouse un posto para recadar todos os produtos achegados polas persoas que participaron na andaina (cueiros, leite de continuación, cereais, potitos, cremas, xabóns, toalliñas, etc.). Os camiñantes pasaron polos lugares de Pousada e Carballo, entre outros, rematando en Ponte Maceira arredor das 13:30 horas. En total, percorreron algo máis de 7 quilómetros en dúas horas e media de andaina. Ao remate da andaina houbo musica a cargo do grupo Os Castros, para festexar a chegada a Ponte Maceira dos camiñantes e para celebrar a solidariedade dos participantes nesta iniciativa.
As persoas que non puideron asistir a esta andaina tamén puideron participar nesta iniciativa. Para iso, colocáronse caixas na Casa do Concello e nas Oficinas Municipais do Milladoiro, onde se puideron depositar produtos de hixiene e alimentación para bebés.
O Camiño Real de Santiago a Fisterra é o camiño de finalización da peregrinación xacobea, o único que ten en Santiago o seu punto de arranque e non o seu final. A primeira etapa do Camiño Real na procura das terras de Fisterra desenvólvese por terras de Ames. O Camiño entra en Ames polo Alto do Vento e discorre por Ventosa e Lombao para logo descender ata Augapesada. A continuación o Camiño pasa por diferentes localidades amienses como Carballo, Trasmonte, Burgueiros ata chegar ao núcleo histórico de Ponte Maceira.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "La andaina de Ames reúne a una treintena de personas"