Pestanas principais

Máis de 4.600 amienses empregaron o Punto Limpo ao longo de 2013

Luns, 13 de xaneiro de 2014

[13-01-2014] O centro de depósito de residuos do Punto Limpo de Ames, situado no polígono do Milladoiro, rexistrou durante o ano 2013 uns datos que amosan a concienciación da cidadanía amiense co medio. Entre os meses de xaneiro e decembro de 2013 un total de 4.694 veciños e veciñas de Ames achegáronse ata o Punto Limpo para depositar alí todo tipo de residuos, favorecendo a súa mellor valorización e evitando o seu depósito incontrolado.

A concelleira de Medio Ambiente, María Eugenia Martín, lembrou que a veciñanza amiense “ten á súa disposición este centro de depósito para desfacerse daqueles obxectos e materiais que non van aos colectores convencionais de materiais orgánicos, inorgánicos, vidro ou papel”. Ademais, destacou que no Punto Limpo tamén “se pode deixar aceite usado tanto vexetal como de motor”.

O Punto Limpo mellora ano a ano os seus datos, xa que as cifras de entradas do 2013 superan ás rexistradas no 2012, no que se contabilizaron 4.520 usuarios. En 2011 rexistráronse 4.600, en 2010, un total de 4.424 e en 2009, empregaron estas instalacións 3.863 veciños e veciñas.

No último mes do ano, o Punto Limpo rexistrou 384 entradas. Neste tempo, os veciños e veciñas amienses entregaron 3.051 quilos de equipos electrónicos, 150 quilogramos de envases baleiros contaminados e 90 quilos de neumáticos que se atopaban fóra de uso. En decembro, tamén se entregaron 22 unidades de tubos fluorescentes e outras lámpadas, 64 quilos de baterías de chumbo e 8 quilogramos de pilas. Os entullos procedentes de obras menores supuxeron 60 metros cúbicos, aos que se sumaron 30 metros cúbicos de plásticos, 20 de metais e 30 de madeira, así como 89 quilogramos de pintura. Os veciños e veciñas tamén achegaron 207 litros de aceites vexetais e outros 28 de aceite de motor. O Punto Limpo tamén recolleu 5 metros cúbicos de roupa, 9 de papel e outros 30 de voluminosos como colchóns, sofás e escumas.

Horarios e teléfono de contacto
O Punto Limpo está situado na rúa das Hedras do polígono Novo Milladoiro e ata alí poden achegarse todos os veciños e veciñas de Ames para desfacerse de aqueles obxectos e materiais que non van aos colectores convencionais de materiais orgánicos, inorgánicos, vidro ou papel. O centro está aberto preto de 40 horas semanais en xornada de mañá e tarde entre luns e o sábado. Así, o Punto Limpo abre de luns a venres de 10:00 h. a 14:00 h. e de 16:00 h. a 18:00 horas. Os sábados o horario é de 9:00 h. a 14:00 h. e de 16:00 h. a 20:00 horas. As persoas que teñan calquera dúbida poden chamar ao teléfono 981536688. Para a recollida de voluminosos e enseres a domicilio, os cidadáns teñen que chamar ao número de teléfono 630107638.

O Parque de Reciclaxe ou Punto Limpo é un centro de aporte voluntario, equipado de colectores específicos, capacitado para recibir residuos dos particulares censado en Ames que deberán acudir ao centro co DNI ou volante de empadroamento. O servizo é de balde para estes veciños.

O Punto Limpo favorece a separación en orixe, contribuíndo ao reciclaxe dos residuos recollendo os enseres domésticos e participa na loita contra os vertidos incontrolados.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Más de 4.600 amienses usaron el Punto Limpio, que cala entre los vecinos"