Pestanas principais

Máis de 4.000 persoas empregaron o servizo de bibliopiscinas do Concello de Ames durante o mes de xullo

Mércores, 06 de agosto de 2014

[06-08-2014] As bibliopiscinas de Ames, unha iniciativa que leva a lectura e outros servizos da biblioteca municipal, como os xogos, xoguetes ou actividades e contacontos, aos lugares de ocio de todo o municipio, rexistraron durante o mes de xullo un total de 2.837 usuarios/as. O servizo de bibliopiscinas que maior demanda tivo foi o da praia fluvial de Tapia, seguido do da piscina do Milladoiro e do da piscina de Bertamiráns. Ademais, nas actividades de contacontos e obradoiros houbo un total de 1.336 participantes. A inmensa maioría dos asistentes ás bibliopiscinas son nenos/as menores de 9 anos. Este ano hai 6 mozos/as que colaboran como voluntarios/as no servizo de bibliopiscinas. Esta colaboración enmárcase dentro do proxecto “Ambientando o lecer”, que sufraga a Xunta de Galicia.


Horario e persoal das bibliopiscinas
En Bertamiráns e no Milladoiro o horario é de luns a venres de 16:00 h a 20:00 horas. As fins de semana e os festivos están pechadas. En Tapia o horario é o mesmo, dende as 16:00 h ás 20:00 horas, pero de martes a domingo (os luns están pechadas por descanso do persoal). Ademais, está aberto os días festivos.

Este servizo está sendo impartido por varios monitores/as da empresa amiense Vagalume, que se encargan de facer máis entretidas as tardes de piscina da época estival. Cómpre salientar que este servizo está sendo impartido por persoal amiense. Durante os meses de xullo e agosto o horario das bibliotecas municipais de Bertamiráns e do Milladoiro é de 9:00 h a 14:00 horas.

Este ano o Concello de Ames está desenvolvendo o programa “Ambientando o lecer” que inclúe actividades lúdicas e ambientais para a infancia e a mocidade, a través da creación dun equipo de 8 voluntarios/as xuvenís que colaboran en actividades municipais, especialmente durante os meses de verán (6 en bibliopiscinas, e 2 en campamentos e na Aula da Natureza).

Este programa foi posto en marcha grazas a unha subvención que se lle solicitou á Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, da Xunta de Galicia, co obxectivo de desenvolver e promover actividades de voluntariado xuvenil que favorezan o desenvolvemento persoal e/ou profesional da mocidade.

Segundo os datos recollidos nas bibliopiscinas, un total de 2.837 persoas, tanto adultas como nenos ou nenas, empregaron durante o mes de xullo este servizo. A este total habería que engadirlle as persoas que participaron nos obradoiros e contacontos, que foron 1.336 persoas. A inmensa maioría dos asistentes ás bibliopiscinas son nenos/as menores dos 9 anos.

O servizo de bibliopiscinas de Ames é unha iniciativa da concellaría de Educación que, por décimo segundo ano consecutivo, pretende achegar os seus servizos tradicionais, levando os libros, os xogos, os contos, os xoguetes e varias actividades a estas áreas de baño. Ademais, nas bibliopiscinas hai xornais, xogos de mesa e libros para os maiores. Nesta edición, o servizo é impartido por varios monitores/as da empresa amiense Vagalume, que se encargan de facer máis entretidas as tardes de piscina da época estival.

Ademais, pódese acceder aos servizos de préstamo de libros a toalla e a domicilio. Algo para o que só é preciso contar co carné das bibliopiscinas ou da piscina municipal descuberta. Todos os demais servizos son de acceso libre.

O concelleiro de Educación, Bernardo Moar, explicou que “este ano a pesar de que en xullo non fixo demasiada calor os datos de participación no servizo de bibliopiscinas son moi bos. A través deste servizo pretendemos que os nenos e nenas poidan asociar a lectura non só coas horas de estudo senón tamén co tempo de lecer”.

Bernardo Moar engadiu que “este ano hai 6 mozos/as que colaboran como voluntarios/as no servizo de bibliopiscinas. O Concello está levando a cabo o proxecto “Ambientando o lecer”, un programa de actividades de animación á lectura e promoción do medio ambiente no tempo de lecer. Grazas a estes mozos/as voluntarios/as pódese ofertar unha programación máis ampla de obradoiros, xa que son eles os encargados de impartir a maioría destas actividades”.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Máis de 4.000 persoas usaron en xullo as bibliopiscinas do concello de Ames"