Pestanas principais

Máis de 400 persoas participaron este domingo na V Marcha BTT e no I Trail de Montaña que organizou o club ciclista Os Esfola Arrós

Luns, 14 de abril de 2014

[14-04-2014] O Club Ciclista Os Esfola Arrós, en colaboración co Concello de Ames, organizaron este domingo pasado a “V Marcha BTT Os Esfola Arrós-Concello de Ames”. Máis de 400 persoas participaron nestas probas deportivas. Na V Marcha BTT participaron arredor de 350 ciclistas, mentres que no I Trail de Montaña inscribíronse 70 corredores/as. Os participantes na marcha BTT destacaron a beleza do percorrido no que os puntos máis espectaculares foron as traileras do monte San Marcos e a zona dos muíños da ruta de Riamontes. Este ano como novidade organizouse a primeira edición do Trail de montaña, que tamén tivo unha alta participación. Para o próximo ano volverase a organizar a carreira de montaña, pero non o mesmo día que a marcha BTT. A saída e chegada destas probas estivo instalada na zona do Pedregal, en Bertamiráns.


I Trail de Montaña
Por outra banda, este ano o Club Ciclista Os Esfola Arrós decidiu organizar, de xeito paralelo á Ruta BTT, unha carreira de montaña. Esta proba, que tivo unha distancia de 16,5 quilómetros, contou cunha dificultade técnica e física media. Nesta proba participaron 70 corredores/as. Parte do trazado coincidiu co da ruta BTT. A saída realizouse ás 10.00 horas dende a área deportiva do Pedregal. Dende a organización anunciaron que para o próximo ano volverase a organizar a carreira de montaña, pero non o mesmo día que a marcha BTT.

Dende o Club Ciclista Os Esfola Arrós valoran como moi positiva a organización desta edición da marcha BTT. Destacan que todos os participantes quedaron moi satisfeitos co percorrido deseñado e recalcan a beleza ambiental da ruta, que estivo composta de camiños variados, boas subidas e as espectaculares traileras de baixada dende o monte San Marcos. Dende o club ciclista Os Esfola Arrós xa están traballando na vindeira edición desta iniciativa deportiva na que se manterán os puntos máis atractivos desta ruta co obxectivo de que se consolidade no calendario de probas BTT.

Por outra banda, cómpre destacar que os participantes tiveron a súa disposición vestiarios con duchas no pavillón polideportivo de Bertamiráns. Ademais, houbo un servizo de lavado de bicicletas no pavillón polideportivo de Bertamiráns para todos os participantes. Tamén se estableceu un punto de avituallamento, tanto sólido como líquido, na área recreativa de Tapia.

Ao final da proba entregóuselle un pequeno agasallo a cada participante que consistía nunha bolsa de deporte. Ademais, servíronse uns pequenos aperitivos xusto ao final da proba para todos os participantes segundo foron chegando á zona de meta situada no parque interurbano do Pedregal.

Este domingo pasado, 13 de abril, desenvolveuse a quinta edición da marcha BTT Os Esfola Arrós. O Concello de Ames colaborou nesta iniciativa deportiva que tivo unha gran participación de ciclistas. Dende primeira hora da mañá a área deportiva do Pedregal encheuse de ciclista con gañas de gozar dunha mañá de emoción e divertimento. Nesta proba deportiva participaron arredor de 350 persoas. A saída e chegada desta proba estivo instalada na zona do Pedregal, en Bertamiráns, onde houbo un gran ambiente durante toda a mañá.

A saída da V Marcha BTT Os Esfola Arrós-Concello de Ames realizouse ás 9:30 horas. O primeiro ciclista en completar a ruta chegou a liña de meta arredor das 11:00 horas. Dende ese momento e ata as 14:30 horas do mediodía foron chegando todos os participantes que completaron os 42 quilómetros que formaban o percorrido da proba. A organización deseñou unha ruta cunha dificultade técnica e física media e na que as zonas máis espectaculares do percorrido foron as traileras de baixada do monte San Marcos e a zona dos muíños da ruta de Riamontes. Na zona de baixada do monte San Marcos xuntouse medio centenar de persoas para ver como baixaban os ciclistas por este punto do percorrido.