Pestanas principais

Máis de 400 persoas participarán mañá na V Marcha BTT e no I Trail de Montaña que organiza o club ciclista Os Esfola Arrós

Sábado, 12 de abril de 2014

[12-04-2014] O Club Ciclista Os Esfola Arrós, en colaboración co Concello de Ames, e coa correspondente autorización da Federación Galega de Ciclismo e os organismos competentes, organizaron a “V Marcha BTT Os Esfola Arrós-Concello de Ames” para este domingo 13 de abril. Máis de 400 persoas participarán nestas probas deportivas. Na V Marcha BTT participarán arredor de 340 ciclistas, mentres que no I Trail de Montaña hai inscritos 65 corredores/as. A saída da marcha BTT terá lugar as 9.30 h e o Trail de Montaña comezará ás 10:00 horas. As dúas probas sairán dende a praza da Maía, que está situada en Bertamiráns. Antes da saída, os ciclistas e os corredores, terán que recoller os dorsais. O Club Ciclista Os Esfola Arrós contará coa colaboración dos ex-ciclistas profesionais José Manuel Oliveira e Ezequiel Mosquera, que participarán na marcha BTT.

Máis de 400 persoas participarán este domingo, 16 de abril, na “V Marcha BTT Os Esfola Arrós-Concello de Ames”, que organizou o Club Ciclista Os Esfola Arrós, en colaboración co Concello de Ames. Na V Marcha BTT participarán arredor de 340 ciclistas, que terán que completar unha distancia de 42 quilómetros cunha dificultade técnica e física media. Esta marcha ciclista de montaña está aberta a todos os ciclistas que estean en posesión da licenza federativa do ano en curso, e que teñan 15 anos ou os cumpran durante o ano 2014. Os ciclistas que non posúan a licenza federativa, tiveron que sacar unha licenza válida só para o día da proba, concedida pola Federación Galega de Ciclismo, debendo pagar un suplemento á cota de inscrición de 12 euros.

A organización disporá de ambulancia e asistencia sanitaria. Tamén haberá asistencia mecánica gratuíta, salvo pezas, cuxo custo será a cargo do interesado/a. Así mesmo, porase a disposición dos usuarios/as vestiarios con duchas e haberá lavado de bicicletas no pavillón polideportivo de Bertamiráns para todos os participantes. Haberá puntos de avituallamento tanto sólido como líquido. Ademais, será rigorosamente obrigatorio o uso do casco protector e levar posto o dorsal facilitado pola organización.

Ao final da proba entregaráselle un recordo aos participantes. Ademais, servíranse uns pequenos aperitivos xusto ao final da proba para todos os participantes segundo vaian chegando á zona de meta situada no parque interurbano do Pedregal, situado en Bertamiráns.

Por último, hai que destacar que os menores de idade, e que non se atopen en posesión da licenza federativa do ano en curso, para poder participar na marcha, teñen que presentar unha autorización paterna ou do seu titor/a, onde ten que constar a autorización expresa para poder participar na V Marcha BTT Os Esfola Arrós - Concello de Ames. O impreso desta autorización pódeselle solicitar ao club.

I Trail de Montaña
Por outra banda, este ano o Club Ciclista Os Esfola Arrós decidiron organizar, de xeito paralelo á Ruta BTT, unha carreira de montaña. Esta proba, que ten unha distancia de 16,5 quilómetros, conta cunha dificultade técnica e física media. Para esta proba hai 65 inscritos/as. Parte do trazado coincide co da ruta BTT. A saída realizarase ás 10.00 horas dende a praza da Maía, que está situada en Bertamiráns. Previamente, de 9.00 a 9.50 os ciclistas participantes terán que recoller os dorsais.