Pestanas principais

Máis de 400 palilleiras de toda Galicia participaron no V Encontro de Bolillos e Labores Artesanais

Luns, 09 de xuño de 2014

[09-06-2014] O pavillón polideportivo do Milladoiro acolleu durante toda a xornada deste domingo pasado a quinta edición do Encontro de bolillos e labores artesanais, que organizou a Asociación Cultural A Silva en colaboración co Concello de Ames e a Deputación da Coruña. Máis de 400 palilleiras de toda Galicia tiveron a oportunidade de intercambiar coñecementos e mostrar as súas creacións. O alcalde de Ames, Santiago Amor, o concelleiro de Promoción Económica e Educación, Bernardo Moar, e o concelleiro de Obras e Urbanismo, Alfredo Taboada, foron os encargados de entregarlle a todos/as os/as participantes os diplomas que acreditan a súa participación neste evento.

A programación do encontro comezou ás 10:00 horas coa recepción de todos/as os/as participantes. Dende ese momento e ata as 14:00 horas desenvolverase a primeira parte deste encontro. Pola mañá, o concelleiro de Promoción Económica e Educación, Bernardo Moar, estivo xunto á presidente da Asociación Cultural A Silva, María Carmen Salgado, comprobando que todo saía segundo o programado. Por este encontro tamén pasaron outros concelleiros/as da corporación municipal amiense como Francisco Villaverde, Ramón García Argibay e María González. Ao mediodía fíxose un descanso de dúas horas para comer.

O encontro retomouse, ás 16:00 horas, despois do xantar. Ás 18:00 h da tarde desenvolveuse a entrega de diplomas a todas as asociacións participantes neste encontro. O alcalde de Ames, Santiago Amor, o concelleiro de Promoción Económica e Educación, Bernardo Moar, e o concelleiro de Obras e Urbanismo, Alfredo Taboada, foron os encargados de entregarlle a todos/as os/as participantes os diplomas que acreditan a súa participación neste evento. Ademais, ao longo da tarde realizouse o sorteo de varios agasallos. O encontro rematou ás 19:00 h co acto de clausura.

O quinto encontro de palillos e labores artesanais reuniu a máis de 400 palilleiras de toda Galicia. O obxectivo principal desta xuntanza foi o intercambio de aprendizaxes e a transmisión e divulgación de temas relacionados co encaixe de palillos e todo tipo de labores artesanais. Os asistentes puideron achegar as súas creacións para que todas as persoas que estivesen interesadas neste labor artesanal puideran aprender as diferentes técnicas de elaboración.

A presidente da Asociación Cultural A Silva, María Carmen Salgado, destacou que “a quinta edición do Encontro de bolillos e labores artesanais foi un éxito de participación. Un ano máis neste encontro xuntáronse diferentes asociación de toda Galicia que pasaron un día no Milladoiro mostrando os seus traballos e intercambiando coñecementos”. Por último, María Carmen Salgado explicou que para o próximo ano organizarán a sexta edición do Encontro de bolillos e labores artesanais.



Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ao final so é collerlle o andar"
La Voz de Galicia: "Quinto encuentro de bolillos y labores artesanales de Milladoiro"