[05-06-2014] Este domingo, 8 de xuño, o pavillón polideportivo do Milladoiro acolle a quinta edición do Encontro de bolillos e labores artesanais, que organiza a Asociación Cultural A Silva en colaboración co Concello de Ames e a Deputación da Coruña. O encontro comezará ás 10:00 horas e nel todas as persoas amantes deste tipo labores artesanais e tradicionais terán a oportunidade de intercambiar coñecementos e mostrar as súas creacións. Esta actividade está aberta ao público en xeral, a grupos de palilleiras e a asociacións. Neste momento hai máis de 400 persoas inscritas para participar no evento. O alcalde de Ames, Santiago Amor, e a presidenta da Asociación Cultural A Silva, María Carmen Salgado, mantiveron unha reunión para falar dos últimos detalles da organización deste evento, así como da colaboración que ofrece o Concello para esta cita.
O quinto encontro de palillos e labores artesanais reunirá a todas aquelas persoas que gozan realizando labores artesanais de todo tipo. O obxectivo principal desta xuntanza é o intercambio de aprendizaxes e a transmisión e divulgación de temas relacionados co encaixe de palillos e todo tipo de labores artesanais. Os asistentes poderán achegar as súas creacións para que todas as persoas que están interesadas neste labor artesanal poidan aprender as diferentes técnicas de elaboración.
A programación do encontro comezará ás 10:00 horas coa recepción de todos/as os/as participantes. Ás 11:00 horas realizarase a inauguración na que participará Elena Fabeiro, xerente da Fundación de Artesanía de Galicia. Dende ese momento e ata as 14:00 horas desenvolverase a primeira parte deste encontro. Ao mediodía farase un descanso de dúas horas para comer. O encontro retomarase a partir das 16:00 ata as 19:00 horas. Ás 18:00 h da tarde desenvolverase a entrega de diplomas a todas as asociacións participantes neste encontro. Ademais, ao longo da tarde realizarase o sorteo de varios agasallos. O encontro rematará ás 19:00 h co acto de clausura.
As máis de 400 persoas que están confirmadas virán de todas partes de Galicia. Este encontro estará aberto ao público en xeral, que desexe achegarse ata o pavillón do Milladoiro. A entrada é libre e totalmente gratuíta. O alcalde de Ames, Santiago Amor, e a presidenta da Asociación Cultural A Silva, María Carmen Salgado, mantiveron unha reunión para falar dos últimos detalles da organización deste evento, así como da colaboración que ofrece o Concello para esta cita.
En definitiva, o quinto encontro de palillos e labores artesanais é unha boa oportunidade para aprender e mellorar as técnicas relacionadas coa agulla, desenvolver capacidades artísticas e culturais, xestionar o intercambio cultural con outras asociacións e sobre todo unha boa ocasión para salvagardar as tradicións e oficios tradicionais. Para obter máis información poden chamar aos números de teléfono 607 769 830 ou 881 972 586. Tamén poden enviar un correo electrónico ao enderezo asociacionasilva@gmail.com.




