[22-08-2013] A praia fluvial de Tapia acolle este domingo, 25 de agosto, a XXVIII edición do descenso do Tambre. Máis de 400 padexeiros e padexeiras de clubs de toda Galicia xuntaranse na tradicional baixada do Tambre. O Club de Piragüismo Ribeiras do Tambre, xunto co Concello de Ames, organiza unha competición que xa é unha referencia para o piragüismo galego debido á alta calidade dos seus participantes. Este ano haberá dous circuítos, un de seis quilómetros para as categorías de cadetes, xuvenís, sénior e veteranos. Os participantes nestas categoría realizarán un descenso dende Portomouro ata a praia fluvial de Tapia. O segundo circuíto, que conta cun quilómetro e medio de distancia, instalarase na praia fluvial de Tapia e está dirixido aos nenos e nenas de categoría benxamín, alevín e infantil.
O contorno da área recreativa de Tapia e o curso do río Tambre compoñen unha paraxe ideal para a práctica do piragüismo. Un ano máis, e xa van vinte e oito, o Club de Piragüismo Ribeiras do Tambre, en colaboración co Concello de Ames, organizan o xa tradicional descenso do Tambre. Nesta proba participarán máis de 400 padexeiros/as de toda Galicia que descenderán polas augas do río Tambre.
Como en edicións anteriores este ano serán moitos os club galegos que loiten por acadar un bo posto neste evento deportivo. Nesta edición está confirmada a participación dos clubs Cabanas, Kayak Vigo, O Muíño, Río Verdugo, Muros e Noia, Pontecesures, Cambados, Taxamar, Firrete, Narón, Liceo Casino, As Jubias, As Torres, Portonovo e o club local Ribeiras do Tambre.
O descenso de Portomouro a Tapia, que conta con seis quilómetros de distancia, comezará ás 16:00 horas para os participantes maiores de 14 anos. Nesta proba participarán os padexeiros/as pertencentes as categorías cadete, xuvenil, sénior e veterano. Os menores desta idade comezarán a súa proba ás 17:00 horas e contarán cun circuíto de quilómetro e medio de lonxitude instalado na praia de Tapia. Nesta proba participarán os rapaces e rapazas de categoría benxamín, alevín e infantil.
Para poder competir, os padexeiros deberán estar en posesión da licencia federativa debidamente actualizada para a tempada 2013 e será de uso obrigatorio o chaleco salvavidas para todos e todas os participantes. A recollida de dorsais será entre as 14:30 h. e as 15:30 horas do mesmo día de competición nas instalacións da praia fluvial e contarase cun posto de avituallamento para que ao remate das probas os padexeiros/as poidan recargar enerxías con bebidas e froita.
Entrega de premios
Entregaráselle un trofeo aos deportistas das tres primeiras embarcacións de cada modalidade e categoría. Tamén se entregarán trofeos aos cinco primeiros clubs clasificados. Ademais, os gañadores absolutos do Descenso do Tambre (kaiak masculino, canoista masculino e kaiak feminino) recibirán un lote de material deportivo. A entrega de premios realizarase arredor das 20:00 horas na praia fluvial de Tapia.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Descenso doTambre o domingo con máis de 400 padexeiros"