[01-09-2014] Durante os meses de xullo e agosto o Concello de Ames, a través da concellaría de Educación, estivo desenvolvendo o programa lúdico da Escola de Verán. Este servizo permitiu que os pais e nais conciliasen a súa vida familiar e laboral durante a época estival. Neste programa, que estivo dirixido aos nenos e nenas de segundo ciclo de infantil e educación primaria, participaron un total de 434 nenos/as. Durante o mes de xullo participaron neste programa 285 rapaces e rapazas (124 en Bertamiráns e 161 no Milladoiro), mentres que no mes e agosto acudiron á Escola de Verán 149 nenos e nenas (70 en Bertamiráns e 79 no Milladoiro). Durante estes dous meses os usuarios/as participaron en diferentes obradoiros e excursións ao museo Eugenio Granell e á área recreativa de Chaian, que están situados en Santiago de Compostela, así como ao Zoolóxico de Vigo e o museo interactivo da Domus da Coruña.
Este ano a temática deste programa lúdico xirou arredor do tema Imaxinarte... O programa de Escola de Verán estivo dividido en catro grandes bloques que se corresponderon coas quincenas de xullo e agosto. Deste xeito, durante a primeira quincena de xullo abordouse o tema titulado Imaxinarte... doutras cores. Durante esta quincena os nenos e nenas foron de excursión ao museo Eugenio Granell de Santiago de Compostela, onde os menores participaron en obradoiros programados polo museo e en diferentes xogos exteriores.
A temática da segunda quincena de xullo foi Imaxinarte... doutras formas. Durante este período os usuarios/as deste servizo participaron nunha excursión a área recreativa de Chaian. A través desta actividade pretendeuse que os rapaces e rapazas establecesen un contacto directo co medio natural. Neste caso os nenos e nenas participaron nunha xincana denominada Pontes que unen a natureza e noutras actividades de observación a través do debuxo creativo. Durante o mes de xullo participaron neste programa 285 rapaces e rapazas (124 en Bertamiráns e 161 no Milladoiro).
Actividades do mes de agosto
Para o mes de agosto houbo outras dúas temáticas diferentes. Durante a primeira quincena de agosto o tema foi Imaxinarte... coa música. Neste caso visitaron o museo interactivo da Domus da Coruña no que realizaron diferentes actividades relacionadas co corpo humano e outras actividades musicais relacionadas cos sons do corpo.
Por último, na segunda quincena de agosto a temática foi Imaxinarte... coa expresión. Nesta quincena os rapaces e rapazas participaron nunha excursión ao Zoolóxico de Vigo, para que os nenos e nenas se interesasen pola expresión dos animais e na que, ademais, participaron en xogos de expresión e diferentes desafíos. No mes de agosto participaron na Escola de Verán un total de 149 nenos nenas (70 en Bertamiráns e 79 no Milladoiro).
Setembro Lúdico
Por outra banda, dende este luns, 1 de setembro, estase desenvolvendo o programa do Setembro Lúdico. Este programa de conciliación, que está dirixido aos nenos e nenas de Ames escolarizados no segundo ciclo de educación infantil e en educación primaria, desenvolverase os días 1, 2, 3, 4, 5, 8 e 9 de setembro.
O programa Setembro Lúdico, organizado polo Concello de Ames para ocupar o tempo de lecer que teñen os nenos e nenas dende o remate da Escola de Verán e o comezo do curso escolar, conta este ano cun total de 141 rapaces e rapazas inscritos. Deste total, 79 participantes acoden ao servizo que se presta no Milladoiro, mentres que a Bertamiráns acoden 62 participantes.
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "El Setembro Lúdico de Ames estrena la necesidad de justificar la conciliación familiar"
El Correo Gallego: "La escuela de verano acogió a cuatrocientos pequeños amienses que realizaron talleres y varias excursiones"