[22-10-2014] O Concello de Ames puxo en marcha a cuarta edición do Concurso radiofónico de teatro lido de Ames, Desata a Lingua!!. Nesta edición, como novidade, optouse polo formato de monólogo, en consonancia coa programación cultural do concello. Este ano inscribíronse máis de 40 participantes entre alumnado e profesorado. En total, participan 36 mozos e mozas do IES de Ames (Bertamiráns), IES do Milladoiro e do Colexio Alca, coordinados por 6 ou profesores e profesoras. Esta semana o alumnado inscrito está participando nunha xornada de formación impartida pola locutora e especialista en teatro, Nazaret López, que lles está achegando diferentes claves de guionización, locución e interpretación.
O Concurso Radiofónico de Teatro Lido pretende dinamizar dun xeito lúdico o uso oral e escrito do galego entre a mocidade amesá a través da reflexión colectiva e da creatividade. Intenta, ademais, fomentar o gusto polo teatro entre a mocidade e o achegamento á radio municipal. Estes son algúns dos obxectivos desta iniciativa posta en marcha polos departamentos de Normalización Lingüística, Mocidade e Comunicación do Concello de Ames.
Nesta edición, como novidade, optouse polo formato de monólogo, en consonancia coa programación cultural do concello. Este ano inscribíronse máis de 40 participantes entre alumnado e profesorado. En total, participan 36 mozos e mozas do IES de Ames (Bertamiráns), IES do Milladoiro e do colexio Alca, coordinados por 6 profesores e profesoras. Destaca sobre todo a participación do IES do Milladoiro, con 26 alumnos/as e 10 monólogos. No IES de Ames (Bertamiráns) e no colexio Alca hai inscritos 10 rapaces e rapazas que interpretarán 5 monólogos.
Xornadas de formación
Esta semana o alumnado inscrito está participando nunha xornada de formación impartida pola locutora e especialista en teatro, Nazaret López, que lles está achegando diferentes claves de guionización, locución e interpretación. O alumnado do IES do Milladoiro participou nestas xornadas o pasado luns, 20 de outubro, hoxe tócalle a quenda aos alumnos/as do IES de Ames (Bertamiráns),a e mañá rematará a formación co alumnado do colexio Alca.
Os textos teñen que estar en lingua galega e en formato de monólogo. A temática é libre, aínda que se valorará que estea relacionada con algún tema de actualidade. O texto pode ser de creación propia ou unha adaptación/recreación dun texto de autor/a. O tempo estimado de emisión para cada un dos monólogos será de 5 a 10 minutos.
Posteriormente, a vindeira semana (entre o 27 e o 31 de outubro) todos os e as participantes realizarán a gravación e a montaxe do monólogo na Radio municipal de Ames, previa cita fixada pola organización.
A emisión das pezas realizarase en Ames Radio (FM 107.2) entre o 3 e o 20 de novembro nas seguintes franxas horarias: das 13.30 h ás 14.30 e das 22.00 h ás 23.00 h (de luns a venres). Os días 3 e 19 de novembro realizarase unha emisión especial pola tarde na que se poderán escoitar todas as pezas.
A participación no concurso implica a autorización para estas emisións e a cesión a favor do Concello de Ames dos dereitos de comunicación pública, reprodución e distribución. A todas e todos os participantes facilitaráselles unha copia do seu monólogo.
Repartiranse 600 euros en premios
Repartiranse un total de 600 euros en tres premios dotados con 200 euros cada un: premio do público, premio ao mellor guión orixinal e premio á mellor interpretación. A Alcaldía Concello de Ames designará un xurado que será o encargado de seleccionar o premio ao mellor guión orixinal e á mellor interpretación.
Votación da audiencia
A audiencia da radio municipal escollerá entre os monólogos emitidos o que obterá o premio do público. A votación realizarase entre o 10 e o 20 de novembro (incluídos) a través do correo electrónico radioteatro@concellodeames.org ou do teléfono 981 890 452. Os/as votantes terán que identificarse e só se computará un voto por persoa. Deste xeito, preténdese implicar a toda a cidadanía nesta actividade.
O alumnado e profesorado participante recibirá como agasallo un convite para unha das funcións teatrais programadas polo Concello de Ames. Estes convites poderán intercambiarse por entradas no prazo de reserva establecido polo Concello e estarán suxeitos á dispoñibilidade de aforo.




