[03-10-2014] O Motoclub Ameixenda organiza para o domingo, 5 de outubro, a proba de supercross “Gran Premio Concello de Ames 2014” coa que se inaugurará o novo circuíto que leva por nome “Alex de Moure” e que está situado no lugar do Vilar na parroquia da Ameixenda. O novo circuíto conta cunha superficie de 17.000 metros cadrados, un amplo aparcadoiro e unhas extraordinarias condicións para a contemplación desta modalidade deportiva. Na proba participarán os mellores pilotos de Supercross de Galicia e o campión de España no ano 2013 na categoría de 125 cc, Rubén Fernández García.
Esta é a primeira proba que o Motoclub da Ameixenda organiza no novo circuíto “Alex de Moure”. Este recinto de máis de 17.000 metros cadrados conta cun amplo aparcadoiro, situado a escasos metros, e cunhas condicións óptimas tanto para a práctica do deporte como para contemplación do mesmo. A organización conta que acudan á proba máis de 40 pilotos, divididos en catro categorías: elite, veteranos, promoción e 85 cc. Agárdase tamén que acuda moito público.
A proba comenzará as 9:00 horas coas verificacións técnicas e administrativas. Despois, e o longo de toda a mañá, os pilotos farán adestramentos libres. Este é o momento no que os deportistas toman contacto coa pista na que van ter que competir e mostrar as súas habilidades. Ás 16:00 horas dará comezo a proba que se compón de dúas mangas por categoría. O remate da proba realizarase a entrega de trofeos, que está prevista para as 18:30 horas.
Con esta proba o Motoclub Ameixenda celebra a súa catorce edición, constituíndose como o único Motoclub de toda Galicia que leva realizadas 14 probas consecutivas. Segundo os organizadores isto é posible grazas á colaboración do Concello de Ames, e de varias empresas, particulares e outras entidades oficiais.




