Pestanas principais

Máis de 40 establecementos participarán na IX Feira do Comercio Val da Maía que se celebrará os días 15, 16 e 17 de marzo no Milladoiro

Sábado, 09 de marzo de 2013

[09-03-2013] A falta dunha semana para que se celebre a novena edición da Feira do Comercio Val da Maía xa está confirmado que un total de 43 establecementos comerciais ofrecerán os seus produtos con grandes descontos. A feira conta con máis de 1.000 metros cadrados de stands comerciais e outros expositores. Este evento, que se desenvolverá por primeira vez no Milladoiro, terá lugar os días 15, 16 e 17 de marzo. A realización deste evento corre a cargo da Asociación de Empresarios, Comerciantes e Profesionais do Milladoiro e, por primeira vez, conta coa colaboración de todas as asociacións de profesionais e comerciantes de Ames (Asociación de Comerciantes de Bertamiráns; Asociación de Empresarios Novo Milladoiro; e Asociación de Pequenos Comerciantes Viorneira, Palmira Bulebar). O Concello de Ames colabora na organización da Feira do Comercio prestando apoio, tanto en persoal como económico.

A próxima fin de semana, a localidade do Milladoiro será o centro neurálxico onde se concentre a maior parte do comercio amiense. Durante os días 15, 16 e 17 de marzo o pavillón polideportivo do Milladoiro acollerá a novena edición da Feira do Comercio. Serán tres días nos que un total de 43 establecementos porán a venda os seus produtos con grandes descontos. A inauguración da feira terá lugar o venres, 15 de marzo, ás 16:30 horas e permanecerá aberta ata as 21:00 horas. O sábado e o domingo o horario de apertura será de 10:00 h a 21:00 horas. Entre os 43 stands haberá postos de diferentes sectores do comercio amiense como o téxtil, calzado, electrónica, óptica, roupa, artesanía, fogar ou regalos.

Os visitantes que se acheguen ata a Feira, que será de entrada gratuíta, poderán visitar expositores de comercios das catro asociacións amienses, que participaron activamente na organización deste evento.

Oferta lúdica e gastronómica
Ademais de poder comprar diversos produtos aos mellores prezos, as persoas que asistan á IX Feira do Comercio Val da Maía poderán gozar dunha ampla oferta lúdica e gastronómica. Deste xeito, instalarase no recinto un servizo de gardería, atendido por persoal cualificado, e no exterior haberá inchables como atracción lúdica para os máis pequenos baixo a supervisión de monitores. No eido gastronómico, incluiranse varios postos de churros, rosquillas, xeados e haberá tamén un posto de venda de polbo. Tamén haberá zonas de aparcamento gratuíto.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "La Feira do Comercio Val da Maía amplía su oferta al llegar a los 43 participantes"
El Correo Gallego: "Máis de 40 establecementos daranse cita na IX Feira do Comercio Val da Mahía"