[18-05-2016] O pavillón polideportivo do Milladoiro acolleu un curso de boxeo impartido por Rigoberto Álvarez, que foi campión mundial da categoría wélter da WBA e na actualidade é adestrador de prestixio en México. Este curso estivo organizado pola Federación Galega de Boxeo e polo club amesán Abuelo Box. Nesta master class sobre boxeo participaron máis de 40 deportistas chegados de diferentes localidades galegas.
Rigoberto Álvarez impartiu un curso de boxeo no que mostrou como se preparan no seu país aos boxeadores. Álvarez impartiu unha ponencia teórico/práctica á que asistiron arredor de 40 deportistas chegados de diferentes localidades galegas. Entre os asistentes estivo Valery Yanchi, aspirante ao título europeo de boxeo profesional, e mailo púxil local, Moncho Mirás, que foi nomeado recentemente aspirante oficial para disputar o campionato profesional de España de peso galo.
Rigoberto Álvarez Barragán (Jalisco/México 1978) é o irmán maior de Saul “O Canelo” Álvarez. Alcumado “O Español”, Rigo Álvarez foi campión de México dos supermedios ao vencer a Felipe Romeu por ko en Zapopan. Tamén foi campión do mesmo peso do WBC Fecarbox triunfando por ko ante Humberto Curral en Guadalajara.
Así mesmo foi campión superwelter da WBA vencendo por decisión dividida a Nobuhiro Ishida en Nayarit. Boxeador de gran envergadura e potente pegada (a súa porcentaxe de vitorias pola vía rápida durante a súa carreira profesional alcanzou o 65%), é na actualidade un adestrador de prestixio no país mexicano.




