Pestanas principais

Máis de 38.000 persoas empregaron as bibliotecas municipais ao longo de 2010

Mércores, 16 de marzo de 2011

[16-03-2011] A biblioteca municipal de Ames continúa crecendo en número de asociados, empréstamos e fondos. Con 20.824 empréstamos, 1.789 novos documentos e 666 novos usuarios en 2010, a biblioteca municipal de Ames segue medrando e xa se consolidou como o referente principal dos veciños do concello á hora de acceder á lectura ou para poder ver diferentes filmes. A aposta do Concello por facilitar o contacto da veciñanza coa cultura e coas actividades levadas a cabo para incentivar o uso das salas de lectura municipais vai mellorando ano a ano e logra facerse coa confianza dos amienses á hora de utilizar estes servizos, converténdoos en fundamentais no ámbito do seu consumo cultural persoal.

Analizados os datos da biblioteca municipal de Ames durante 2010 só queda resaltar que, un ano máis, os números seguen a incrementarse nos diversos apartados nos que se realiza a análise, o que garante a consolidación desta como elemento fundamental dos veciños/as do concello á hora de saciar a súa voracidade literaria e cinematográfica de forma legal e sen ter que pagar por elo.

Asunto de extremada importancia nestes tempos de acalorados debates sobre cales deben ser as vías legais de acceso á cultura que garantan unha aproximación do público aos produtos literarios, musicais e cinematográficos e ao mesmo tempo os seus produtores poidan vivir diso obtendo unha remuneración polo acceso do público ás súas obras. Neste contexto, as redes municipais de bibliotecas constitúen unha fórmula respectada e coñecida por todos de realizar ese achegamento da cultura ao público sen deixar de percibir os creadores unha xusta remuneración pola compra das súas obras para as salas de lectura.

Metidos no marasmo dos números, cabe destacar que durante o 2010 foron 666 novas persoas as que se fixeron socias da biblioteca, aumentando o total de usuarios a 5.107 -cando en 2009 eran 4.403- e chegando o número de emprestamos aos 20.824, cunha media de 4,08 libros ou DVDs solicitados por socio e uns 0,72 préstamos por habitante do concello. Así, a porcentaxe de usuarios/as sobre a poboación total de Ames pasou de ser un 15% a un 17,64%, gañando tres puntos porcentuais e aproximándose cada vez a maior velocidade ao 20%.

Paralelo ao aumento de usuarios e empréstamos, produciuse un aumento dos fondos da biblioteca, que conta xa cun total de 24.963 documentos, o que supón un incremento de 1.789 novos fondos en 2010 sobre os 23.174 de 2009. Debullando os datos por salas de lectura, deses 24.963 documentos censados a 31 de decembro de 2010, 13.555 están na sala de lectura do Milladoiro e 11.403 en Bertamiráns, manténdose un certo equilibrio na dotación de ambas salas.

Outro dato moi bo é o que fai referencia ao número de visitantes das salas de lectura durante 2010, que ascende a un total de 38.207 persoas, das cales 22.685 acudiron á do Milladoiro e 15.522 á de Bertamiráns.

En materia de consultas ao catálogo da Biblioteca, houbo durante 2010 un total de 797.169 consultas, das cales 433.178 se produciron no Milladoiro e 363.991 en Bertamiráns.

Listaxe dos máis solicitados

Na sala de lectura do Milladoiro a película máis solicitada polo público infantil foi a que relata as aventuras de Bob Esponja no filme "Cuentos del fondo del mar". O libro máis solicitado en galego foi "O castelo da Princesa" de Peter Stevenson que por segundo ano consecutivo mantén este posto. En castelán "En el reino de la fantasía" de Gerónimo Stilton mantense un ano máis no cumio dos máis solicitados en castelán.

Entre o público adulto dáse un empate entre "O símbolo perdido" de Dan Brown, en galego e, en castelán, "La mano de Fátima" de Ildefonso Falcones que comparten o primeiro posto dos máis solicitados nunha e noutra lingua con "La reina en el palacio de las corrientes de aire", terceiro volume da triloxía Millenium do escritor sueco Stieg Larsson que continúa arrasando entre estes lectores.

Na sala de lectura de Bertamiráns, e en materia de literatura infantil, os máis pequechos e pequechas de Ames preferiron por ampla maioría a obra de Helga Bansch "Cocorico", unha adaptación libre dun conto tradicional birmano que trata da necesidade de escoitar os bos consellos, da importancia de cumprir as promesas e aprender a compartir traducida ao galego por OQO Editora. En castelán, os tres porquiños fanse coa palma de ouro do relato máis querido polos nenos e nenas que seguen a ver na historia destes tres rosados e gordechos animais perseguidos por un malvado lobo unha boa historia coas doses necesarias de tensión narrativa e o sempre ben visto polo público "happy end", final feliz.

No caso das películas infantís, a esponxa amarela de nome Bob e apelido Esponja segue a ser a personaxe favorita dos rapaces e rapazas, que converteron o filme "Bob Esponja: La marea" no máis solicitado entre o público que non supera o metro de altura.

Xa no eido dos adultos, a obra en galego de Domingo Villar "Ollos de auga" conseguiu un ano máis ser a preferida dos maiores, situándose outra obra deste autor, "A praia dos afogados" no segundo posto. En castelán, "Nadie lo ha visto" de escritora sueca Mari Jungstedt foi a que máis levaron ás súas casas os usuarios adultos.

Actividades

Pero a biblioteca non só se dedica ao empréstamo de libros e películas, senón que tamén se realizan outro tipo de actividades que, durante 2010 e sen contar cos usuarios das "bibliopiscinas", contou cun total de 2.895 persoas, das cales 1.858 foron nenos e nenas e 1.037 adultos.

Ademais, durante o 2010 realizáronse un total de 797.169 consultas no catálogo da biblioteca (433.178 consultas no Milladoiro e 363.991 en Bertamiráns). Con estes datos, ao longo do ano pasado, a Biblioteca de Ames foi a terceira biblioteca municipal co catálogo máis consultado da Rede de Bibliotecas de Galicia. No mes de decembro superou a media converténdose na primeira biblioteca municipal en número de consultas.

Así pois, a biblioteca municipal de Ames crece e consolídase entre os veciños e veciñas do concello como un centro indispensable de consumo cultural.

A nova noutros medios dixitais:

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Las bibliotecas amienses tuvieron 38.000 usuarios en el último año"
El Correo Gallego: "Ames aumenta un 16% los usuarios de su biblioteca"