[31-07-2013] O programa de conciliación Escola de Verán acolleu durante o mes de xullo a un total de 374 nenos e nenas que pasaron as súas vacacións deste xeito lúdico e educativo. Este servizo, que permite a conciliación da vida familiar e laboral e está destinado a nenos e nenas de segundo ciclo de infantil e educación primaria, continuará mañá coas actividades correspondentes ao mes de agosto. Neste mes, os nenos e nenas que asistiron a Escola de Verán realizaron numerosas actividades relacionadas cunha temática única: O arco da vella, que ten como obxectivo invitar aos nenos e nenas a viaxar con imaxinación e creatividade.
Sobre o arco da vella
O programa de Escola de Verán está dividido en catro grandes bloques que se corresponden coas quincenas. Deste xeito, durante unha quincena abordouse o tema titulado 'Construción do arco da vella', mentres que noutra realizaron actividades en torno á temática 'Polo arco da vella imos ao mundo celta'. As outras dúas temáticas son: 'Polo arco da vella imos ao futuro' e 'Polo arco da vella volvemos ao presente'. Os obradoiros e actividades polo tanto xiran en torno á temática central escollida. Para levar a cabo estas actividades, a empresa conta cos monitores que habitualmente atenden aos nenos e nenas durante o curso escolar, polo que contan cunha experiencia e coñecemento do traballo nos servizos complementarios amienses. Ademais, apórtanse técnicos a maiores para axudar no desenvolvemento das actividades específicas. Deste xeito, contase cun licenciado en Belas Artes, cun técnico audiovisual especializado en fotografía, vídeo e teatro, e cun director técnico de campamentos con ampla experiencia.
En Bertamiráns están inscritos 170 nenos e nenas. As actividades nesta localidade desenvólvense no CEIP A Maía, onde tamén se ofrecen os servizos de almorzo e xantar. Mentres, no Milladoiro participan 204 nenos e nenas, que están na EEI do Milladoiro e no pavillón polideportivo.jpg)
A Escola de Verán desenvolvese en Bertamiráns e no Milladoiro de luns a venres, excepto festivos, en horario de 7:30 a 16:00 horas. Os rapaces e rapazas asisten por quincenas (1ª quincena de xullo, 2ª quincena de xullo, 1ª quincena de agosto e 2ª quincena de agosto), un mes (xullo ou agosto) ou os dous meses (xullo e agosto). En Bertamiráns participan 170 nenos e nenas e no Milladoiro acoden a este servizo uns 204 rapaces e rapazas.
Un xeito diferente de pasar o verán. Ese é o obxectivo deste servizo que pretende ser unha alternativa para que os cativos pasen as súas vacacións dun xeito divertido e educativo. Ademais permítelles ás nais e aos pais conciliar a vida laboral e familiar. A Escola de verán está dirixida aos nenos e nenas que cursaron segundo ciclo de infantil e educación primaria.
Ao longo deste mes, os nenos e nenas puideron coñecer de preto todos os misterios e lendas que agocha o arco da vella. Deste xeito, na primeira quincena de xullo construíron un arco da vella e realizaron manualidades sobre este tema e sobre a súa historia, significado e incidencia noutras culturas. Na segunda quincena do mes, as actividades xiraron en torno ao mundo celta. Os rapaces e rapazas pudieron coñecer a cultura galega e castrexa, achegándose ás súas lendas e tradicións a través de actividades temáticas ou xogos. Ademais, realizaron varias excursións a destinos como a área recreativa do Xirimbao, en Teo, ou ao Castro de Landín, en Cuntis.




