Pestanas principais

Máis de 350 persoas participaron nos obradoiros de Nadal que organizou o Concello de Ames

Xoves, 14 de xaneiro de 2021

Todas as prazas cubertas e lista de garda, os obradoiros de Nadal, promovidos pola concellaría de Promoción Económica, reuniron a un total de 352 persoas.  Por outra banda, o programa “Concilia co comercio no Nadal” cubriu 423 horas e propiciou, segundo os recibos de compra entregados,  preto de 200 compras no comercio local. Nas actividades estiveron implicadas directamente seis empresas do Concello de Ames.

A aposta da concellaría de Promoción Económica por ofrecer actividades de ocio e conciliación no Nadal máis difícil da nosa historia, tivo un seguimento importante, esgotando as prazas en todos os obradoiros propostos. “Dentro do que se podía facer e respectando todas as normas sanitarias que esixe a situación da pandemia, quixemos ofrecer actividades que fosen acaidas para toda a familia e que deixasen un bo recordo, especialmente aos nenos e as nenas”, declara a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz.

Tamén era intención da concellaría que a actividade de Nadal axudase a mover a economía local, de aí que tanto a organización como os espazos fosen encargados maiormente a establecementos e empresas radicadas no Concello de Ames: “Das empresas que participaron, tanto nos obradoiros como nas actividades de conciliación, seis están establecidas en Ames e a sétima é unha empresa de Vigo que se encargou dos obradoiros de linguaxe de signos, unha actividade moi específica que imparten moi poucas empresas en toda Galicia e que non tiñamos en Ames”, aclara a concelleira Ana Paz. 

Obradoiros variados e para toda a familia
A organización dos obradoiros correu a cargo da empresa amesá “Biosbardos” que a súa vez contou con outras empresas e profesionais do concello para a súa realización e cunha empresa de Vigo, especializada en cursos de linguaxe de signos.

60 veciños e veciñas de Ames tiveron a oportunidade de aprender novos pratos para servir nas mesas de Nadal, logo de que Petiscos Gastrobar desenvolvese 6 obradoiros de menús de Nadal en Bertamiráns e no Milladoiro.

A empresa “Retumba risas”, do Milladoiro, encargouse da realización de 2 obradoiros nos que 32 adultos aprenderon a facer candeas. Tamén realizou 2 obradoiros de adornos de fiestras, neste caso dirixidos a nenos e a nenas, que tamén esgotaron as 32 prazas ofrecidas. A rapazada tamén foi a protagonista nos outros dous obradoiros de “Retumba risas”: o de “adornos de fiestras”, que congregou a outros 32 nenos e nenas, e o de realización de galletas no que participaron 16 rapaces e rapazas.

O local de cultura e ocio alternativos “Dos Pasos”, encargouse da realización de 2 obradoiros, un de galletas, no que participaron 32 adultos, e outro de papiroflexia para nenos e nenas que cubríu as 32 prazas ofrecidas.

“Biosbardos”, a empresa que coordinou a organizacion das actividades, de Bertamiráns ofreceu tamén un obradoiro de galletas para 16 nenos e nenas. Ademais, “Biosbardos” encargouse directamente oe Pasarúas Sorpresa que levou ás rúas de Bertamairáns e do Milladoiro a personaxes de debuxos infantís como Mickey e Minnie Mouse, o pato Donald, os Minions, Ladybug, Elsa, Anna e Olaf da película Frozen, unha representación da Patrulla Canina e Bob Esponja. Imposible determinar a cantidade de rapaces de rapazas que se fotografaron con tan insignes persoeiros.

Tamén a maxia estivo presente nestes obradoiros de Nadal que organizou Promoción Económica. A empresa de ocio “A Mona Ramona” de Bertamiráns fixo posible que 40 nenos e nenas participasen nos talleres de maxia que organizaron durante as festas. Cómpre salientar que o obradoiro de linguaxe de signos que desenvolveu en Ames, e dentro da grella desta programación, a empresa “Az Lingua de signos de Vigo”. A proposta cubriu todas as prazas ofertadas, posibilitando que 60 veciños e veciñas de Ames adquirisen as primeiras nocións para entenderse e darse a entender a través desta linguaxe.

Éxito de “Concilia co comercio en Nadal”
A proposta da concellaría de Promoción Económica incluía tamén o programa “Concilia co comercio en Nadal”, cuxa finalidade era que as familias puidesen realizar con tranquilidade as compras de Nadal no comercio local, deixando aos seus nenos e ás súas nenas en espazos seguros e desenvolvendo actividades divertidas. A Mona Ramona” de Bertamiráns, e “Planeta Máxico” do Milladoiro, foron os espazos elixidos. O programa estableceuse de xeito que as familias podían acollerse simplemente entregando un recibo de compra dalgún dos establecementos que se adheriron á campaña.

Aportáronse recibos de 62 establecementos, 48 do Bertamiráns e 14 de Milladoiro, que cubrían os sectores de roupa, calzado, xoguetes, complementos, ferretería, supermercado, froiterías, panadarías, froiterías, carnicerías, conxelados, salóns de peiteado, farmacias, establecementos de ventas de comida e bazares. A conciliación desenvolveuse nos locais de “Planeta Máxico”, en Milladoiro e “A Mona Ramona” en Bertamiráns. Cubríronse con esta finalidade 423 horas, 305 en Bertamiráns e 118 en Milladoiro. O cómputo total de recibos de compra entregados foi de 198, 148 en Bertamiráns e 50 no Milladoiro.

Para a concelleira Ana Paz, o balance do programa “Concilia co comercio no Nadal” é moi positivo: “Temos que ter en conta que por unha banda estamos prestando un servizo ás familias, pero por outra estamos a incentivar as compras no comercio local, algo que si sempre é importante, nos tempos que corren poderíamos dicir que é imprescindible”.

Imaxe obradores

Multimedia

  • Pasarúas sorpresa
  • Obradoiro de galletas
  • Obradoiro de adornos de Nadal
  • Obradores de cocina de Nadal
  • Obradoiro de linguaxe de signos