[01-03-2019] O Concello de Ames e a Federación Galega de Atletismo organizan este domingo, 3 de marzo, o Trail e Andaina Ribeiras do Tambre. No evento participarán un total de 328 persoas, das cales 216 están inscritas no trail e 112 na andaina. A saída do trail terá lugar ás 10.00h de Ponte Maceira, dende onde sairán tamén os participantes da andaina ás 10.05h. Esta proba está encadrada na especialidade atlética do Trail-Running e pertence ao calendario oficial da Federación Galega de Atletismo, polo que estará baixo o control técnico do Comité Galego de Xuíces da Federación.
As contornas de Ponte Maceira e da Ameixenda acollen este domingo, 3 de marzo, o Trail e Andaina Ribeiras do Tambre, un evento deportivo no que 328 persoas percorrerán os quince quilómetros que separan a Ponte do Real Aeroclub de Santiago. Así, o trail comezará ás 10.00h, e constará dun percorrido duns 16 quilómetros, cun desnivel positivo duns 405 metros e un desnivel acumulado de 635 metros. Pola súa banda, os e as participantes da andaina sairán ás 10.05h, e percorrerán arredor de 15 quilómetros, cun desnivel positivo duns 340 metros e un desnivel acumulado de 535 metros.
Destas 328 persoas inscritas, 216 homes e mulleres participarán na proba de trail, mentres que 112 farano seguindo o percorrido da andaina. Ambas probas contarán con dous puntos de avituallamento, un dos cales estará situado no quilómetro oito, e con servizo de fisioterapia ao chegar á meta.
A recollida de dorsais realizarase a partir das 8.30 horas nas instalacións do Real Aeroclub na Ameixenda e, a continuación, os participantes serán trasladados ata Ponte Maceira, o punto de saída das probas. Así, habilitarase autobuses a partir das 8.30h para trasladar aos inscritos en ambas probas ata o punto de saída. Ao finalizar ambas actividades, levarase a cabo a entrega de premios, programada a partir das 12.30h nas instalacións do Real Aeroclub.
Categorías e premios
Na andaina non se establecerán categorías de participación, e poderán intervir menores de idade de ate 10 anos, sempre que vaian acompañados/as por un adulto. No tocante ao trail, estableceranse un total de cinco categorías: senior masculina e feminina, na que se encadrarán os participantes de 18 anos ate master; master 1 masculina/feminina, nados entre 1979 e 1984; master 2 masculina e feminina, nados de 1970 a 1978; master 3 masculina e feminina, nados no 1969 ao antes; e absoluta masculina e femininas, que englobará a calquera das categorías anteriores.
Recibirán premios os tres primeiros clasificados de cada categoría, os tres primeiros equipos, tanto federados como populares, e os catro primeiros clubes da clasificación do trail. Os premios económicos para estes últimos serán de 125 euros para o primeiro equipo clasificado, 100 euros para o segundo, 75 euros para o terceiro e 60 euros para o cuarto. Asemade, todos os participantes do trail e a andaina recibirán un agasallo técnico pola súa participación, que poderán recoller xunto ao dorsal antes do comezo das probas.
Esta actividades está organizada polo Concello de Ames e maila Federación Galega de Atletismo, o evento conta coa colaboración do Real Aeroclub de Santiago, Gonzacar, Pazo de Anzuxao, Tropic e Frutas Compostela.

Contido relacionado

Lindeiros: "Ames celebra mañá o Trail e andaina Ribeiras do Tambre"




