Pestanas principais

Máis de 3.100 habitantes de Ames que carecían de cobertura de Internet acadárona polo Plan de Banda Larga

Venres, 05 de abril de 2013

[05-04-2013] O Roadshow Movistar Galicia, a aula móbil que ten por obxectivo achegar as vantaxes e utilidades de internet á poboación rural e dar a coñecer o Plan de Banda Larga da Xunta de Galicia, está hoxe no concello de Ames (na Praza de Chavián, en Bertamiráns).

Esta iniciativa, froito da colaboración entre a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e Movistar, céntrase nos municipios aos que o teleoperador e o Plan de Banda Larga da Xunta xa posibilitaron a conexión á rede. A aula móbil está a visitar 82 municipios galegos para de trasladar á pé de rúa as vantaxes de Internet á poboación do rural beneficiada polo Plan de Banda Larga da Xunta de Galicia.

No caso do concello de Ames o Plan de Banda Larga proporcionou cobertura a 3.149 habitantes que carecían de conexión a Internet, o que supón máis do 95% da poboación do municipio. Hai tres anos esta porcentaxe era do 84% e as previsións da Xunta de Galicia é que esta se incremente á práctica totalidade da poboación a finais de 2013. A porcentaxe restante, menos dun 2%, cubrirase vía satélite.

A unidade móbil do Roadshow Movistar Galicia conta con 4 postos con ordenador nos que de forma gratuíta se levarán a cabo diferentes demostracións para que os usuarios experimenten de forma práctica o sinxelo que resulta realizar unha compra online, solicitar unha cita médica, renovar o DNI ou consultar todo tipo de información -prensa, música, ofertas de emprego, partes meteorolóxicos, trámites coa Administración a través da sede electrónica da Xunta, etc. -. A aprendizaxe estará supervisada en todo momento por persoal especializado de Telefónica.

Paralelamente, desenvólvense accións formativas e informativas a pé de rúa, a través de equipos de traballo provistos dunha tablet e conectados á Rede mediante un USB, que explican aos veciños de cada localidade as vantaxes de Internet para a vida cotiá.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "El acceso a Internet se amplió a 27.000 vecinos de la comarca"