Pestanas principais

Máis de 3.000 alumnos/as de Ames participan na programación escolar do VIII Festival de Maxia

Venres, 13 de decembro de 2013

[13-12-2013] O Concello de Ames organizou unha programación especial para os centros de ensino amienses, que se enmarca dentro da oitava edición do Festival de Maxia. A través desta iniciativa un total de 3.094 alumnos e alumnas de Ames puideron gozar dos espectáculos dos magos Rafa e Lamas. Esta programación de maxia desenvolveuse ao longo desta semana (entre o luns 9 e o venres 13 de decembro) e rematou esta mañá no CEP de Ventín e no CEIP Agro do Muíño. Todo o alumnado que cursa estudios nos centros de ensino de Ames acudiu a estes espectáculos de maxia, agás os alumnos/as de bacharelato dos institutos. O VIII Festival de Maxia continúa este sábado e domingo nas localidades de Bertamiráns e O Milladoiro, respectivamente. As actividades desenvolveranse nas casas da cultura, así como nas carpas que estarán instaladas nas prazas da Maía e de Manuel Murguía. Tamén haberá obradoiros de maxia para os nenos/as de 8 a 14 anos e sesións de maxia de preto nalgúns bares de Bertamiráns e do Milladoiro.

VIII Festival de Maxia
Por outra banda, a programación de actividades do festival comezará o sábado, 14 de decembro, en Bertamiráns e repetiranse o domingo 15 no Milladoiro. Os dous días entre ás 11:00 h e as 12:30 horas haberá un obradoiro de maxia, que está dirixido aos rapaces e rapazas de 8 a 14 anos. Ambos os dous obradoiros desenvolveranse nas Casas da Cultura do Milladoiro e de Bertamiráns. As prazas que se ofertaban para estes obradoiros completáronse todas.

Despois deste obradoiro os espectáculos de maxia continuarán, pero esta vez desenvolveranse nos bares de Ames. A Concellaría de Cultura, en colaboración coa Concellaría de Comercio e Promoción Económica, organizaron o programa Maxia de Preto, no que, os días 14 e 15 de decembro, desenvolveranse unha serie de pequenas actuacións e xogos de maxia nalgúns establecementos hostaleiros de Bertamiráns e do Milladoiro. Deste xeito, o sábado 14 de decembro, haberá sesións de maxia nos bares In Vino Veritas, Don Budi e Coffee (situados en Bertamiráns), en horario de 13:00 a 14:30 horas, mentres que o domingo 15 haberá sesións de maxia nos bares Gallaecia, San Sport e Talladas (situados no Milladoiro), tamén en horario de 13:00 a 14:30 horas.

Xa pola tarde, entre as 16:30 h e as 18:00 horas, a maxia toma as rúas de Bertamiráns e do Milladoiro. A Carpa do Misterio está pensada para que as persoas de todas as idades poidan asistir a este espectáculo. Faranse pases cada 30 minutos, polo que ao longo da tarde haberá tres sesións de maxia. A Carpa do Misterio estará instalada na praza da Maía, situada en Bertamiráns, e na praza de Manuel Murguía, situada no Milladoiro.

Gala máxica
A actividade estrela realizarase ás 18:30 horas nos auditorios das casas da cultura das dúas localidades amienses, coa celebración da Gala máxica, que estará presentada polo mago Karim. Este espectáculo contará coa participación de Juan Mayoral, Huang Zheng, Dani Polo e o Mago Sun. Este espectáculo está dirixido a todos os públicos. Estes espectáculos crearon unha gran expectación entre a veciñanza amiense. Todas as entradas que se ofreceron na opción de reserva, esgotáronse.

As entradas para asistir á Gala Máxica teñen un prezo de 2 euros para os maiores de 12 anos. Haberá un desconto do 50 por cento para os menores de 12 anos, estudantes con carné e maiores de 65 anos. As entradas reservadas terán que recollerse o día da función en taquilla 30 minutos antes do comezo da gala. En cada localidade reservouse un pequeno número de entradas para vender na taquilla. Ademais, os billetes que non se recollan nese horario venderanse a partir das 18:00 horas. Despacharanse un máximo de 4 entradas por persoa. O aforo dos auditorios é limitado. No auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns hai 216 butacas, mentres que no do Milladoiro existen de 146 butacas.

Un ano máis o Concello de Ames organizou unha nova edición do Festival de Maxia que se desenvolverá durante os días 14 e 15 de decembro nas localidades de Bertamiráns e do Milladoiro, respectivamente. Nesta edición serán cinco magos nacionais e internacionais os que creen ilusión nos amienses. Obradoiros, as sesións de maxia de preto nos bares, a carpa do misterio, que estará instalada nas prazas da Maía e de Manuel Murguía, e a Gala máxica compoñen o programa deste ano. Ademais desta programación que está aberta a todos os públicos o Concello de Ames deseñou unha programación dirixida exclusivamente aos centros de ensino amienses.

Esta programación comezou o luns 9 de decembro no CEIP A Maía. O mago Lamas visitou ao alumnado de infantil e primaria deste colexio, para ofrecerlles unha sesión de maxia na que participaron un total de 628 alumnos/as. Este mesmo día o Mago Rafa estivo no CEIP de Barouta ante 212 alumnos/as para achegarlles os segredos da maxia. O martes 10 de decembro foi a quenda para o alumnado dos institutos de Bertamiráns e do Milladoiro. No IES de Ames estivo o mago Rafa que representou o seu espectáculo ante 289 alumnos/as de primeiro e segundo da ESO, mentres no IES do Milladoiro actuou o mago Lamas. Neste caso participaron un total de 240 rapaces e rapazas de ESO.

O día seguinte, o mércores 11 de decembro, continuaron os espectáculos de maxia na Escola de educación infantil do Milladoiro e nas escolas unitarias de Agrón, Tarroeira, Guimaráns e Covas. O mago Rafa ofreceulles un espectáculo de maxia no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro aos 574 nenos e nenas que acudiron destes centros. Os rapaces e rapazas estiveron divididos en tres grupos. O xoves o espectáculo de maxia trasladouse o colexio Alca. Un total de 223 alumnos/as gozaron co espectáculo do mago Rafa.

Este venres pola mañá os magos Lamas e Rafa representaron os seus últimos espectáculos nos centros de ensino amienses. O mago Lamas visitou ao alumnado de infantil e primaria do CEIP Agro do Muíño para ofrecerlles unha sesión de maxia na que participaron un total de 439 alumnos/as. Este mesmo día o Mago Rafa estivo no CEP de Ventín ante 489 alumnos/as para achegarlles os segredos da maxia.