[14-07-2018] O Concello de Ames organiza para todos os veráns un programa de campamentos municipais. Este ano estas actividades comezaron o pasado 28 de xuño e realizaranse ata o 2 de setembro. En total, dito programa inclúe a realización de 11 campamentos diferentes ao do longo do verán. Nove destes campamentos son organizados pola Aula da Natureza e dous pola OMIX. Coa súa organización, o Concello de Ames busca ofrecer unha oferta formativa de desenvolvemento persoal concibida para, de xeito progresivo, dotar ás crianzas e ás mozas e mozos das ferramentas precisas para lograr a autonomía e a independencia, ao tempo que se promove a cooperación e o respecto, ademais dun estilo de vida saudable ligado ao medio natural, ao deporte e á cultura. Ata o de agora desenvolvéronse cinco campamentos e estanse desenvolvendo outros tres. Nestes oito campamentos participaron e están participando 308 rapazas e rapaces.
Cada campamento, dos 11 que o Concello de Ames organizou para xuño, xullo, agosto e setembro, ten as súas propias características; porén todos comparten o obxectivo de ofrecer ás rapazas e rapaces amesáns unha alternativa de lecer e educativa durante o verán. Sobresae, asemade, o compoñente ambiental común a todos eles. Os primeiros en realizarse foron os da Granxa Escola Kiriko. Entre o 28 e o 29 de xuño estivo dirixido ao alumnado do 4º e do 5º curso de educación Infantil, mentres que do 28 ao 30 de xuño acudiron os rapaces e rapazas de 6º de infantil. Os 71 participantes coñeceron os animais da granxa, coidaron a horta, fixeron pan, participaron en veladas, así como nun conto teatralizado e unha festa con música.
O seguinte campamento en ter lugar foi o realizado no Galipark Multiaventura, entre o 3 e o 6 de xullo. Nesta actividade participaron 68 rapaces e rapazas de 3º e 4º de educación primaria que participaron en actividades de deslizador acuático, paseo ambiental, xogo de pista pola vila de Padrón, tirolina, circuíto de pontes colgantes, ruta BTT e grandes xogas.
Asemade, entre o 2 e o 7 de xullo desenvolveuse o campamento das Fragas do Eume, que estivo dirixo a rapazas e rapaces de 5º e 6º de Primaria. Neste campamento participaron 58 rapaces e rapazas, que participaron nun descenso en barco polo río Eume, nunha recreación histórica de tiro con arco no Castelo de Andrade, actividades de praia, ruta polas Fragas, etc. Neste campamento tivo unha alta demanda de prazas, quedando 30 persoas en lista de agarda, polo que dende o Concello decidiron organizar outro campamento, que inicialmente non estaba previsto, en Vilanova de Arousa. Deste xeito, neste campamento realizado do 8 ao 13 de xullo, participaron 30 rapaces e rapazas de 5 e 6 de educación primaria, que participaron en actividades de kayak, actividades de intermareal, atardecer no mar, piscina, grandes veladas e actividades de praia.
Tamén comezou esta semana o campamento urbano, que se desenvolve nas instalacións da Aula da natureza, na Ameixenda. Nestas actividades están participando 26 rapaces e rapazas de 6 a 14 anos. Este campamento, que conta coa colaboración da OMIX de Ames a través do programa de voluntariado xuvenil, desenvolverase ata o vindeiro 20 de xullo. Os participantes elaborarán instrumentos de reciclaxe, libretas de follas secas; participarán en xincanas, rutas ambientais, concurso de cociña etc. Esta son algunhas das actividades que están realizando dende o pasado luns 9 de xullo. Este ano farase por primeira vez unha noite de acampada para aqueles participantes que así o desexen.
Campamentos de finais de xullo e agosto/setembro
Por outra banda, durante a última semana de xullo desenvolveranse dous campamentos na Granxa-Escola Barreiros. O primeiro deles desenvolverase entre o 23 e o 25 de xullo e estará orientado a crianzas do 1º e do 2º curso de educación primaria. Posteriormente, entre o 26 e o 28 de xullo, poderán gozar desta experiencia unha segunda quenda de nenas e nenos das mesmas idades. Asemade, a finais de agosto realizarase o último campamento do verán. Será do 28 de agosto ao 2 de setembro, novamente na Granxa Escola Kirico, e está dirixido aos rapaces e rapazas de 6 a 16 anos.
Campamentos xuvenís
Ademais, durante esta semana estanse desenvolvendo os dous campamentos xuvenís (Mar de Cangas con rapaces e rapazas de 1º a 3º de ESO e Mar de Arousa con mozos e mozas de 4º de ESO a 2º Bacharelato). O campamento Mar de Arouse comezou o día 8, mentres que o de Mar de Cangas comezou o día 9 de xullo. Os 55 mozos e mozas regresan este domingo 15 pola tarde.
Os rapaces e rapazas que están no Mar de Arousa participaron nunha excursión A Lanzada; actividades de snorkel, bodyboard, banana, tobogán; nunha saída á Illa de Arousa: ruta en Kayak; visita á Illa Areoso (visita a batea); actividade intermareal; e nunha excursión a Caldas de Reis. Os mozos e mozas do Mar de Cangas fixeron actividades de vela, windsurf, kaiak, kaiak polo, bodyboard; unha actividade intermareal; xincana de auga; carreira de orientación con C:GEO, etc.


Contido relacionado

El Correo Gallego: "Uns 300 nenos participaron nos campamentos de Ames"




