Pestanas principais

Máis de 300 persoas participaron nas accións formativas e de fomento do emprego municipais durante o 2010

Sábado, 22 de xaneiro de 2011

[22-01-2011] O Concello de Ames está levando a cabo diversas accións co obxectivo de fomentar o emprego local entre a veciñanza amiense. Existen varias ferramentas que a Administración local leva desenvolvendo no eido da formación e que están dirixidas ás persoas desempregadas para que poidan optar a traballos en sectores dun maior índice de ocupacionalidade. Rematado o 2010 toca facer balance e avaliar as políticas activas de emprego postas en marcha durante o pasado ano. Un total de 327 persoas participaron nas diferentes accións de formación e de fomento do emprego, así como nos programas formativos desenvolvidos durante o 2010. A través dos programas de cooperación contratáronse 33 persoas que integraron diferentes brigadas e que traballaron en varios programas municipais. Na actualidade estase desenvolvendo a cuarta edición do programa InserAmes do que se están beneficiando 100 usuarios/as. Durante o ano pasado Ames dedicou 1.379.798,90 euros (procedentes dos fondos propios e de diferentes axudas doutras administracións) ás políticas activas de emprego.

Aínda que as políticas de emprego non sexan estritamente de competencia municipal o Concello de Ames está contribuíndo, na medida do posible, a posta en marcha de diferentes ferramentas para fomentar o emprego entre a cidadanía amiense que se encontra en situación de desemprego. Para elo durante o 2010 puxéronse en marcha diferentes programas como a cuarta edición do programa integrado para o emprego InserAmes, e rematou a terceira edición deste programa cun 37% de insercións laborais.

Este programa súmase a outras iniciativas en materia de dinamización do emprego como son o obradoiro de emprego Ames Solar, que lle deu traballo durante un ano a 26 alumnos traballadores e a 6 persoas que formaban o equipo directivo e formativo do obradoiro, o curso de montaxe e mantemento de instalacións solares térmicas no que participaron 18 persoas desempregadas, ou o curso de habilidades de autonomía persoal e social en nenos/as, adolescentes e adultos con hiperactividade do que se beneficiaron 15 persoas.

A situación actual do mercado de traballo, require dun axuste e un esforzo continuo de adaptación á dinámica do tecido empresarial do contorno e aos requirimentos formativos da poboación desempregada. Ante esta demanda, o Concello de Ames, entende que a adaptabilidade e a formación son ferramentas que hai que ofrecerlles aos veciños, de xeito que se poidan minorar os riscos asociados aos cambios tecnolóxicos e económicos actuais.

Seguindo esta liña de traballo dende o goberno municipal seguen apostando pola formación tanto das persoas desempregadas como das empresas que conforman o tecido empresarial de Ames. A formación continúa é unha das claves para o éxito empresarial e para conseguir a integración no mercado laboral. A través das accións de formación ocupacional facilítaselle ás persoas traballadoras, ocupadas e desempregadas, unha formación axustada ás necesidades do mercado de traballo que atenda aos requirimentos de competitividade das empresas, á vez que satisfaga as aspiracións de promoción profesional e desenvolvemento persoal das persoas traballadoras, capacitándoas para o desempeño cualificado das diferentes profesións e para o acceso ao emprego.

Ames Solar

Algúns dos principais programas e accións que se desenvolveron durante o ano pasado foron o obradoiro de emprego Ames Solar ou o curso de montaxe e mantemento de instalacións solares térmicas enmarcado dentro da Rede Xiana en colaboración coa Deputación da Coruña.

O obradoiro de emprego Ames Solar púxose en marcha ao estar considerado un sector emerxente na creación de emprego. As 26 persoas desempregadas que participaron neste proxecto recibiron, durante o período dun ano, formación e prácticas laborais. Para iso a metodoloxía de traballo que se desenvolveu foi a de alternar os contidos teóricos coa práctica profesional. O principal obxectivo deste obradoiro foi que o alumnado aprendese un oficio traballando. O programa dividiuse en dúas fases e abrangueu contidos formativos e teóricos/prácticos. Os alumnos tiveron que completar un total de 1.920 horas, das cales o 25% foron clases teórico - prácticas e o 75% prácticas en obra.

O equipo encargado de guiar e coordinar o proxecto estivo formado por un director, dous mestres ou monitores especialistas na instalación de sistemas de enerxía solar térmica, unha titora, un profesor en formación profesional e unha administrativa.

Para poder levar a cabo este proxecto, a Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Turismo e Medio Ambiente solicitoulle unha subvención á Consellería de Traballo e ao INEGA. Estas axudas estiveron destinadas a sufragar parte dos gastos de persoal e á xestión do obradoiro. Pola súa parte, a Administración local asumiu os custos de material e de funcionamento que supuxeron un 13,88% do custe. Tamén asumiu a montaxe do taller onde se desenvolveu a formación práctica, que posteriormente pasou a ser empregada polos usuarios/as do curso de montaxe e mantemento de instalacións solares térmicas, enmarcado dentro da Rede Xiana.

O custo total deste obradoiro foi de 666.687,59 euros. Na primeira fase do obradoiro investíronse 328.838,62 euros. Desta contía a Xunta de Galicia achegou o 82%, o Concello de Ames o 16%, e o INEGA o 2%. O investimento da segunda fase ascendeu a 337.848,97 euros. Desta contía a Xunta de Galicia achegou o 78%, o Concello o 12% e o INEGA o 10%. En total a achega municipal foi de 92.583,39 euros, a Xunta de Galicia puxo 532.508,20 euros e o INEGA 41.596 euros.

A instalación de paneis solares e de medidas de aforro enerxético executouse en dúas fases. A primeira delas incluíu a colocación de paneis solares en diferentes instalacións do municipio como foron o Club de Piragüismo Ribeiras do Tambre, na área recreativa da Tapia, e tamén na escola municipal infantil O Bosque. Ademais, leváronse a cabo unha serie de actuacións de aforro enerxético nas dependencias do Pazo da Peregrinas e na escola municipal infantil O Bosque.

Na segunda fase práctica instaláronse paneis solares térmicos nos pavillóns municipais de Bertamiráns e do Milladoiro e na EEI Milladoiro. Do mesmo xeito, tamén se levaron a cabo unha serie de medidas de aforro enerxético nos pavillóns polideportivos de Bertamiráns e do Milladoiro, Casa do Concello, nas casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro, no centro de saúde do Milladoiro e nas oficinas municipais desta mesma localidade.

Segundo declarou a concelleira de Promoción Económica, Emprego, Turismo e Medio Ambiente, Úrsula Seijas, "foi un proxecto moi ilusiónante pola súa transcendencia, non só a nivel de emprego senón tamén a nivel ambiental ao dotar ó Concello de importantes medidas de aforro enerxético. Grazas á instalación destes paneis solares e ás medidas de aforro enerxético producirase o 71% da enerxía necesaria para o correcto funcionamento destas instalacións. Ademais vanse aforrar 3.725 euros ao ano e non se desprendan 9.608 kg de dióxido de carbono ao ano. Deste xeito somos un pouco máis sostibles".

Rede Xiana

Por outra banda púxose en marcha un curso de mantemento de instalacións solares térmicas, que se enmarcou dentro da Rede Xiana. Este é un programa da Deputación da Coruña que busca mellorar o nivel dos servizos de proximidade da poboación rural, elevando o nivel de benestar e garantindo a igualdade de oportunidades especialmente para as persoas de maior vulnerabilidade ou en risco de exclusión social, así como executar accións locais coherentes coas iniciadas desde outros niveis administrativos procurando establecer sinerxías entre os instrumentos de políticas públicas das distintas administracións.

O módulo de montaxe e mantemento de instalacións solares térmicas contou con 529 horas totais de formación das que se beneficiaron 18 alumnos e alumnas participantes no itinerario de Formación Específica e Colectivos en Risco de Exclusión Social. Esta acción formativa desenvolveuse ao longo de tres meses dende o 15 de xullo ata o 15 de outubro nas instalacións do Centro de Formación e Servizos Múltiples do Concello, situado na urbanización Aldea Nova. Catro profesores/as foron os encargados de desenvolver a parte teórica. Posteriormente, o alumnado desenvolveu as prácticas en diferentes empresas de Ames e da súa contorna. O custo deste curso estivo sufragado pola Deputación da Coruña a través do Fondo Social Europeo.

Nesta mesma liña organizáronse varios cursos para complementar e cubrir as carencias das especialidades formativas recollidas no ficheiro do Servizo Público de Emprego Estatal, atendendo tanto a colectivos como ocupacións ou sectores de especial interese.

A través do "Programa de formación experimental para desempregados do Fondo Social Europeo", organizouse un curso de habilidades de autonomía persoal e social en nenos/as, adolescentes e adultos con hiperactividade do que se beneficiaron 15 persoas. Esta acción formativa tivo unha duración de 290 horas. Para sufragar este curso solicitouse unha axuda á Consellaría de Traballo e Benestar Social. Os participantes tiveron que completar unha fase teórica e unha fase práctica que se desenvolveu nas escolas infantís municipais.

A Consellaría de Medio Rural en colaboración co Concello de Ames puxo en marcha outro curso formativo sobre a produción vexetal en sistemas ecolóxicos. Esta acción formativa tivo unha carga lectiva de 30 horas que se desenvolveron no Centro de Formación e Servizos Múltiples do Concello, e en diferentes explotacións ecolóxicas do contorno amiense. Neste curso participaron 23 persoas.

Co fin de impulsar a creación de novas empresas o Concello de Ames, en colaboración con BIC Galicia, puxo en marcha un seminario de xeración e maduración de ideas empresarias. Deste xeito prestouse asesoramento a empresas a través de iniciativas locais de emprego. Para organizar estas xornadas a concellaría de Promoción Económica asinou un convenio co Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e co Centro Europeo de Empresas e Innovación de Galicia (Bic Galicia). O seminario desenvolveuse en tres xornadas, de cinco horas de duración cada unha, que se impartiron os días 13, 20 e 27 de abril.

Por último neste eido realizouse un curso de xardinería organizouse por COGAMI, que tivo lugar entre o 19 de abril ata o 31 de maio nas instalacións municipais de Aldea Nova. Nesta acción formativa, que estivo dirixida a persoas desempregados con discapacidade, participaron 15 alumnos/as.

InserAmes

Unha das principais medidas postas en marcha dende o goberno municipal é o programa integrado para o emprego InserAmes. Este programa comezou no ano 2007 e cada edición que pasa vanse mellorando os números de insercións laborais. Ata o de agora conseguíronse 69 insercións laborais. Na primeira edición houbo 14 insercións, na segunda 18 persoas atoparon traballo e na terceira houbo 37 insercións. Iso danos unha media de 23 insercións cada ano. O incremento de insercións foi aumentando progresivamente ao tempo que foron aumentando as prazas ofertadas dentro deste plan formativo.

A concellería de Promoción Económica, Emprego, Turismo e Medio Ambiente, Úrsula Seijas, explicou que "despois de que rematase o InserAmes III pódese dicir que os datos de inserción laboral que se acadaron son moi satisfactorios xa que de 100 persoas que estaban inscritas neste plan de inserción laboral un total de 49 tiveron algún tipo de contrato e 37 acadaron emprego cando menos durante seis meses dos dez meses que durou o programa. Ademais 25 dos participantes estiveron realizando prácticas non laborais en empresas".

O InserAmes III estivo composto por unha parte teórica na que se impartiron os cursos de atención directa ao consumidor; coidador de nenos con hiperactividade, dietética e nutrición en colectivos específicos; coidador de nen@s con hiperactividade; manipulador de alimentos; prevención de riscos, emerxencias e primeiros auxilios; autoemprego e creación de empresas; introdución ás novas tecnoloxías; habilidades sociais e busca activa de emprego. Ademais dentro deste programa houbo outra fase na que os participantes realizaron prácticas en diferentes empresas ou institucións. A terceira edición do programa InserAmes tivo un custo de 127.431,64 euros, que foron sufragados integramente pola Consellería de Traballo e Benestar.

Deste xeito dáse cumprimento ao primeiro e principal obxectivo do programa InserAmes que é o de acadar unha inserción laboral igual ou superior ao 35% dos participantes no programa. Debido a boa acollida que está tendo este programa entre a poboación desempregada de Ames e ao gran número de insercións que xa se lograron, o goberno municipal decidiu darlle continuidade ao proxecto InserAmes IV, para atender á formación e a inserción socio-laboral de 100 beneficiarios/as. En pouco máis de dous meses xa se produciron 9 insercións a xornada completa e a media xornada.

Dentro da parte teórica do InserAmes IV inclúese a impartición de varios cursos como son os de coidador de discapacitados físicos e psíquicos, os cursos de busca activa de emprego, cursos de creación de empresas, alfabetización informática, habilidades sociais e os itinerarios personalizados de inserción. Ademais existe unha parte práctica que no caso anterior se desenvolverá en diferentes empresas e institucións. Este programa ten un custo de 106.998,20 euros, dos cales 95.500 euros foron achegados a través dunha subvención da Xunta de Galicia. O resto, 11.498,20 euros, puxos o Concello.

Todas estes programas e cursos estanse desenvolvendo no Centro de Formación e Servizos Múltiples do Concello, situado na urbanización de Aldea Nova. Consciente da necesidade de contar con equipamentos propios nos que desenvolver e concentrar as distintas accións de formación e emprego, o Concello comezou a finais do ano 2010 a adecuación dun espazo na rúa Costaneira en Aldea Nova como centro municipal de formación e emprego, co obxectivo central de mellorar a capacidade de empregabilidade da poboación desempregada.

Programas de cooperación

A través deste programas o Concello de Ames contratou a un total de 33 traballadores nas convocatorias de 2009 e 2010. Este programa ten por obxecto a realización de obras ou servizos de interese xeral e social dentro dos municipios. Na convocatoria de 2009 contratáronse 19 persoas que durante seis meses traballaron en diferentes brigadas e departamentos municipais. Unhas 14 persoas dividíronse en catro brigadas co fin de reformar os espazos deportivos, protexer e acondicionar as marxes fluviais e o espazo forestal, manter a rede viaria rural e acondicionar os espazos patrimoniais, turísticos e ambientais, mentres que os outros 5 traballadores desenvolveron o seu traballo nos departamentos de servizos sociais e de mocidade. Para sufragar a contratación deste persoal contouse cunha axuda da Consellería de Traballo que ascendeu á contía de 269.228 euros.

Na convocatoria de 2010 contratáronse 14 traballadores que comezaron a desenvolver o seu traballo o 1 de agosto e rematarán o vindeiro 31 de xaneiro. Estas persoas están divididas en tres brigadas distintas: brigada de protección de marxes fluviais e do espazo forestal do concello de ames, brigada de mantemento da rede viaria rural e brigada de reforma e reparación de espazos patrimoniais. Ao igual que no caso anterior para sufragar os gastos de persoas para a contratación destes traballadores cóntase cunha axuda da Consellería de Traballo que ascende á contía de 170.621,46 euros.

Viveiro de empresas

Por outra banda o O Concello de Ames continúa apoiando ás iniciativas empresarias de nova creación a través do Viveiro de Empresas. O complexo conta cunha instalación completa para o desenvolvemento da actividade profesional, ademais dunha sala de reunións independente. Este espazo de xestión pública, situado no Edificio de Servizos Múltiples de Aldea Nova, tenta facilitar o arranque de novas empresas no ámbito amiense. Este viveiro serve como punto inicial no camiño das novas iniciativas dos emprendedores amienses. Trala convocatoria realizada para a cobertura dos despachos do Viveiro de Empresas, foi adxudicado logo do proceso previsto de concesión, con data 2 de xuño de 2010, ás empresas Amextrem e Dextera Consultores, ata o 31 de decembro de 2010. Con anterioridade estiveron ocupados os locais ata maio de 2010, polas empresas Esther Sierra Abrain e por Atalaia Social.

Ademais o Concello conta cun servizo de orientación laboral, como entidade colaboradora do Servizo Público de Emprego, co obxectivo de asesorar a todas aquelas persoas que precisan información e que están na busca de emprego. Deste servizo beneficiáronse máis de 1.000 usuarios. Tamén se conta cun servizo de asesoramento empresarial.

Por último cómpre lembrar que o Concello conta con dous punto de información para facilitar a comunicación e as xestións que teñan que facer os demandantes de traballo co Servizo Público de Emprego. Un número de identificación e a pegada dixital son dabondo para renovar a cartilla do paro ou buscar ofertas do SGC en tan só uns minutos. Este servizo xa leva funcionando en Bertamiráns (no segundo andar da Casa do Concello) dende o 2007, e dende o ano 2009 nas oficinas municipais de Milladoiro.

Estes dispositivos e os servizos que presta o Punto de Información, PI, facilita en grande medida as comunicacións e xestións co Servizo Público de Emprego dos desempregados e das desempregadas do concello, evitando desprazamentos innecesarios para realizar trámites como a renovación da demanda de emprego, o acceso ás ofertas de emprego que xestiona o Servizo Público de Emprego, xestionar as citas e servizos de orientación laboral e achegando as políticas activas ao administrado, desenvolvéndose así ámbitos de colaboración entre administración local e autonómica nas políticas que faciliten e promovan a inserción socio-laboral.

A nova noutros medios dixitais:

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames planta cara a la crisis y el año pasado formó a 327 vecinos y contrató a 33 más"
El Correo Gallego: "Ames planta cara a la crisis y el año pasado formó a 327 vecinos y contrató a 33 más"
La Voz de Galicia: "Los planes amienses para la promoción de empleo formaron a 327 personas"
La Voz de Galicia: "Los planes amienses para la promoción de empleo formaron a 327 personas"