Pestanas principais

Máis de 300 persoas participarán este sábado no V Camiño da Diversidade

Martes, 08 de outubro de 2019

Este vindeiro sábado, 12 de outubro, a partir das 10.00 horas, celebrarase a quinta edición do Camiño da Diversidade, que organiza a Fundación Ingada (Instituto Galego do TDAH e Trastornos Asociados). Os/as participantes sairán da Escravitude (Padrón) para percorrer parte da ruta portuguesa ata a praza do Obradoiro. Esta mañá no Pazo de Raxoi, en Santiago de Compostela, realizouse a presentación desta quinta edición do Camiño da Diversidade.

A concelleira de Benestar Social do Concello de Ames, Luísa Feijóo, asistiu esta mañá ao Pazo de Raxoi, en Santiago de Compostela, para participar na presentación da quinta edición do Camiño da Diversidade. Estivo acompañada da concelleira de Políticas Sociais do Concello de Santiago de Compostela, Mila Castro; do alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira; e de Claudia Balado, psicóloga da Fundación.

A concelleira de Benestar Social do Concello de Ames, Luísa Feijóo, destacou “a importancia que ten a labor da fundación, tanto no seu traballo diario coas familias, de información e apoio, como o que desenvolven cos rapaces e rapazas. Quero darlles os parabéns por esta iniciativa que xa vai pola súa V Edición e por escoller ao noso concello, para facer a parada para xantar e expoñer o mural dos soños, dando así visibilidade e sensibilizando sobre o TDAH”. Ademais, engadiu “ter TDAH non é sinónimo de incapacidade, nin de ter unha intelixencia diminuída, senón que mesmo pode coincidir con altas capacidades. Animamos a todos os amesáns que queiran participar a inscribirse”.

“O Camiño da Diversidade vén a mostrarnos que a diversidade é un valor, e non un estigma e seguro este Camiño servirá para chamar a atención á cidadanía sobre o respecto á diversidade e sobre a necesidade de integración de calquera persoa, por diferente que sexa”, apuntou Mila Castro, concelleira de Políticas Sociais do Concello de Santiago de Compostela.

A este recoñecemento e posta en valor da diversidade tamén se referiu o alcalde de Padrón, vila esta última da que partirá o Camiño e onde se celebrarán as primeiras actividades da xornada, coa presenza dun grupo folclórico e cunha homenaxe a Rosalía de Castro.

A ruta terá a súa principal parada no Milladoiro (Ames), onde os/as camiñantes pararán a comer e participarán en diversas actividades, coma a construción dun "mural de soños". Pero ao longo do percorrido haberá outras accións, como xogos populares ou unha actividade de recoñecemento de flora e fauna, tal como explicou Claudia Balado, quen anunciou varias sorpresas.

Tras 19 quilómetros, o Camiño da Diversidade rematará na praza do Obradoiro, onde se lerá o Manifesto da Diversidade.

Aínda está aberta ata mañá mércores a inscrición para participar nesta ruta e xa hai unhas 300 persoas confirmadas, procedentes de diferentes partes de Galicia. Os/as participantes que acudan en autobús ata a Escravitude pagarán 10 euros, que inclúen o transporte e o seguro. Os/as que acudan pola súa conta teñen a inscrición de balde.

Ingada
O Instituto Galego do TDAH e Trastornos Asociados (Fundación Ingada) xorde no 2014 co fin de proporcionar asistencia integral en Galicia ás persoas afectadas polo TDAH e/ou trastornos asociados e as súas familias, dada a alta prevalencia destas patoloxías na nosa sociedade e as deficiencias existentes para a súa atención en tódalas áreas necesarias (educativa, social, clínica, familiar, laboral). A Fundación está formada por un equipo multidisciplinar que ten como obxectivo mellorar a calidade de vida dos usuarios e usuarias.

Ofrece soporte docente, terapéutico, comunitaria, educativo, divulgativo, sensibilizador... Neste marco, o V Camiño da Diversidade formúlase cunha actividade educativa e de ocio para potenciar valores como a solidariedade, o compañeirismo ou a vida saudable. A Fundación quere así sensibilizar á cidadanía sobre o respecto á diversidade de cada un/unha, sen exclusións, e fomentar a integración e o desenvolvemento digno de todas as persoas. Este proxecto é beneficiario do programa autonómico "O teu Xacobeo 2021".

 

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Un camino para sensibilizar sobre el trastorno por déficit de atención"

Lindeiros: "V Camiño da Diversidade"

 

Rolda de prensa V Camiño da Diversidade

Multimedia

  • Rolda de prensa V Camiño da Diversidade
  • Rolda de prensa V Camiño da Diversidade
  • Máis de 300 persoas participarán este sábado no V Camiño da Diversidade
  • Cartel V Camiño da Diversidade