Pestanas principais

Máis de 300 nenos/as participan no VIII Encontro de patinaxe das Escolas deportivas municipais

Venres, 28 de abril de 2017

[28-04-2017] O pavillón polideportivo de Bertamiráns acolle este sábado, 29 de abril, a oitava edición do Encontro de patinaxe artística das Escolas deportivas do Concello de Ames. Neste evento participarán máis de 300 patinadores/as. Durante a mañá, realizarase a competición de grupos show, de parellas e comezarase coa competición individual que continuará pola tarde. Ademais, haberá exhibicións dos Clubs de Patinaxe Sarela e Omega. O campionato terá lugar entre as 10:00 e as 21:30 horas.

Nas actividades de fomento do deporte a que máis usuarios/as inscritos ten durante o actual curso 2016-2017 é a de patinaxe con 238 rapaces e rapazas. Para seguir fomentando o gusto pola patinaxe no concello de Ames, organízase este evento que mestura música, baile, coreografías, colorido e moitas emocións. A entrada é gratuíta.

O Encontro de patinaxe comeza ás 10:30 horas coa competición dos grupos – show. Ás 10:00h abrirán as portas para que o público asistente poida ir entrando no pavillón. Esta modalidade contará con 6 grupos de nivel 1 e 7 grupos de nivel 2. Cada grupo estará formado por entre 20 e 30 rapaces e rapazas de 4 a 16 anos. Nas competicións de grupo participarán patinadores e patinadoras das Escolas municipais de Bertamiráns, Barouta e do Milladoiro, así como nenos e nenas do concello de Brión e do colexio La Salle de Santiago de Compostela.

De seguido, ás 11:50 horas comezará a competición na modalidade de parellas na que participarán 6 parellas do mesmo nivel. Tamén pola mañá, a partir das 12:10h, desenvolverase a competición individual que continuará ao longo de toda a tarde. Ao mediodía farase unha pausa para comer. Na competición individual haberá 7 niveis diferentes que contarán con 122 participantes (nivel 0 - 13 participantes; nivel 1 - 31 participantes; nivel 2 - 22 participantes; nivel 3 - 25 participantes; nivel 4 - 13 participantes; nivel 5 - 13 participantes; nivel 6 - 3 participantes; e nivel 7 - 2 participantes).

Nas competicións de parella e individual participarán patinadores e patinadoras das Escolas deportivas municipais de Bertamiráns, Milladoiro e Barouta. Ademais, ao longo de toda a xornada haberá exhibicións dos Clubs de Patinaxe Sarela e Omega, que colaboran na organización de dito evento. Por último, realizarase a entrega de agasallos e dos trofeos aos gañadores da competición.