[16-04-2012] O pavillón polideportivo do Milladoiro acolleu este sábado a terceira edición da competición de patinaxe artística que se celebra no marco do programa das Escolas Deportivas Municipais. Este terceiro encontro reuniu nas súas dúas modalidades (individual e de grupo) a 322 participantes que competiron no campionato. Na competición individual e de parellas participaron 43 nenos/as, mentres que na modalidade de grupo competiron un total de 279 rapaces e rapazas, repartidos en 18 grupos diferentes. Ademais, houbo exhibicións individuais a cargo dos patinadores profesionais Brais Abad e Nadia Iglesias, e de grupos a cargo do Club de Patinaxe Campus Stellae, o Club Deportivo Fontiñas e o Club Patinaxe Compostela. Tanto pola mañá coma pola tarde o pavillón de Bertamiráns estivo ateigado de público dado que pasaron por esta instalación máis de 1.500 persoas para ver este espectáculo.
Pola tarde, a partir das 16:30 horas, desenvolvéronse as actuacións individuais e en parella. Participaron 39 nenos e nenas de forma individual, que competironn en catro categorías diferentes segundo a idade, e dúas parellas. No nivel 1 as gañadoras foron Sara Prado, María Peña e Antía Viskaia; no nivel 2 gañaron María Iglesias, Aisha Carazo e Inés Ramos; no nivel 3 as mellores foron Iciar Vázquez, Elena Quevedo e Noa Vidal; mentres no nivel 4 gañaron Antía García, Mar Vázquez e Isabel Quevedo. Despois da competición actuaron os patinadores profesionais Brais Abad e Nadia Iglesias. No evento participaron tres xuíces que foron os encargados de valorar a calidade artística dos nenos e das nenas participantes.
A entrega de premios realizouse pola mañá e pola tarde, unha vez rematadas as competicións de grupos e individuais. A entrega de premios estivo presidida polo concelleiro de Deportes, Tempo Libre e Voluntariado, Manuel Ferreiro, e polo xerente da empresa VV Xestión de Actividades, Juan Manuel Vegas. Todos os participantes recibiron un agasallo como recompensa por participar no terceiro campionato de patinaxe artística das escolas deportivas. Ademais, sorteáronse 14 vales regalo para gastar nas tendas deportivas de Ames.
Este pasado sábado tivo lugar o III Campionato de patinaxe artística das escolas deportivas municipais de Ames, cun gran éxito tanto de participación como de público. Dende a organización calculan que máis de 1.500 persoas pasaron polo pavillón polideportivo de Bertamiráns durante todo o día para ver o espectáculo que ofreceron os e as patinadoras. As bancadas do pavillón estiveron ateigadas tanto pola mañá coma pola tarde. O éxito deste evento demostra que a patinaxe é unha das actividades que goza de máis éxito dentro do programa de Escolas Deportivas Municipais.
O encontro de patinaxe comezou ás 11:00 horas da mañá coa competición na modalidade de grupos. Nesta modalidade participaron 18 grupos formados por 12 ou 15 persoas cada un. Cada coreografía durou entre dous e dous minutos e medio. Na modalidade de grupos os participantes estiveron repartidos en tres niveis. No nivel 1 gañaron os bailes Mimadriña querida, Pop Stars, e Hormiguitas, primera misión “en busca de comida”; no nivel 2 os mellores bailes foron Chicago, Metamorfose e Xogos Olímpicos; e no nivel 3 gañaron os bailes En catividade, Unha soa coroa e Muñequitas, liberaos de vuestra cajita musical. Tras a competición houbo bailes de exhibición a cargo do Club de Patinaxe Campus Stellae, o Club Deportivo Fontiñas e o Club Patinaxe Compostela.