Pestanas principais

Máis de 300 ciclistas baterán este domingo o récord de participación no IX Día da Bici do Concello de Ames

Venres, 08 de maio de 2015

[08-05-2015] Un total de 315 persoas daranse cita este domingo no Día da Bici, que terá lugar por primeira vez en Bertamiráns. O número de inscritos nesta novena edición duplica a cifra do ano pasado, e supón un récord de participación. A maior parte dos ciclistas son amesáns pero tamén virá xente de concellos limítrofes como Teo, Negreira, Santiago ou Brión.

O alcalde de Ames, Santiago Amor, convida aos veciños a gozar dunha xornada dominical en familia, animar aos ciclistas e encher de ambiente as rúas de Bertamiráns. Amor destaca o crecemento “exponencial” das actividades de participación social en Ames, “que se demostra unha vez máis con esta convocatoria do Día da Bici en que se multiplicou por dous a inscrición e con asistentes de toda a comarca”, segundo subliña.

A actividade, organizada pola Asociación Galega de Ciclistas, o Club Ciclista de Ames, Os esfola arrós e o Ribeiras do Tambre BTT, en colaboración co Concello de Ames, vai dirixida a todos os públicos. O percorrido, de 8 quilómetros e de dificultade baixa, realízase como máximo nunha hora.

Os ciclistas sairán ás 11:00 horas da praza da Horta de Arriba cara a Avenida da Peregrina e logo incorporaranse á estrada de Ortoño seguindo a vía que vai cara a aldea de Sisalde. Volverán dende a urbanización Agro do Muíño pola vía secundaria que vai paralela a Punxeiras Altas, ata chegar á meta, novamente na praza da Horta de Arriba. E antes, ás 10:00 horas, un grupo do Club Ciclista de Ames partirá dende a Casa da Cultura do Milladoiro cara a Bertamiráns. Para participar é obrigatorio o uso do casco.

Ademais, os nenos menores de 7 anos poderán participar nunha xincana e nun percorrido circular dun quilómetro polas rúas do Cómaro, Lodeiro, a Avenida J.L. Azcárraga e o Camiño Novo. Haberá tamén, ás 12:15 horas, unha clase de zumba en familia a cargo dos monitores do Centro Deportivo A Telleira.