[04-03-2016] O Concello de Ames colabora un ano máis co programa Vacacións en Paz, que leva a cabo a Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, a través do cal as familias do municipio poden acoller durante os meses de xullo e agosto nenos e nenas saharauís que viven nunha situación complexa nos campamentos de refuxiados de Tindouf en Alxeria. Ames colabora na quinta edición da cea solidaria en apoio ao programa Vacacións en Paz, que se desenvolverá este sábado, 5 de marzo, ás 21:00 horas, no Hotel Congreso, que está situado no concello de Teo. En representación do goberno municipal asistirán á cea o rexedor municipal, José Miñones, e a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo.
Este sábado, 5 de marzo, ás 21:00 horas, o Hotel Congreso situado no concello de Teo, acollerá a quinta edición da cea solidaria en apoio ao programa Vacacións en Paz, que organiza a Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí. Con esta cea péchanse os actos do 40 Aniversario da proclamación da República Árabe Saharauí Democrática. A través desta iniciativa trátase de recadar fondos e poder financiar os billetes de avión dos nenos e nenas que virán a Galicia este verán dentro do programa Vacacións en Paz. Deste xeito inténtase que veñan a Galicia o maior número posible de rapaces e rapazas do Sáhara. Grazas a esta iniciativa o ano pasado un total de 17 rapaces e rapazas foron acollidos por familias de Ames, Brión, Teo e Santiago.
Dende a organización indican que está previsto que acudan a esta cea máis de 260 persoas, entre as que estarán presentes a delegada do Goberno da República Árabe Saharauí Democrática en España, Jira Boulahi, membros do Intergrupo Parlamentario Paz e Liberdade para o Sáhara de varias comunidades, representantes da Xunta de Galicia e de todos os partidos políticos e sindicatos, alcaldes, delegados de SOGAPS, familias acolledoras, etc. En representación do Concello de Ames asistirán á cea o rexedor municipal, José Miñones, e a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo.
O Concello actúa de mediador entre as familias e a asociación
O Concello de Ames colabora un ano máis co programa Vacacións en paz, que leva a cabo a asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, e volverá a sufragar os billetes de avión (ida e volta) de varios nenos/as saharauís para que poidan pasar os meses de verán con familias amesás. O Concello actúa de mediador entre as familias e esta asociación para xestionar a estadía dos nenos/as saharauís en Ames.
Este programa preséntase nun marco de solidariedade e axuda desinteresada co fin de propiciarlles unha estancia agradable e humanamente rica aos nenos e nenas saharauís. Trátase de ofrecerlles a estes cativos, que naceron nun clima de guerra, a posibilidade de coñecer outros xeitos de vida, de maneira que iso contribúa, a súa formación.
A colaboración e a achega económica que realizan os concellos é moi importante, pero ademais a asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí pretende recadar a maior cantidade posible de diñeiro nesta cea co obxectivo de que sexan moitos os nenos e nenas que poidan vir a Galicia durante este verán e pasar unhas vacacións en paz.




