[30-11-2012] O vindeiro luns 3 de decembro, ás 19:00 horas, realizarase na Casa da Cultura de Bertamiráns un sorteo para desvelar as persoas gañadoras dos 18 premios cos que se premiará a todos aqueles clientes que pasaron polos 15 locais hostaleiros que conformaban o Roteiro dos Petiscos e a todas aquelas persoas que fixeron algunha compra nalgún dos en 40 comercios que estiveron adheridos á Festa das Compras. Ademais, darase a coñecer o nome do establecemento máis votado do Roteiro dos Petiscos. Cómpre lembrar que estas iniciativas desenvolvéronse nos establecementos comerciais e bares de Bertamiráns entre o 9 e o 18 de novembro. A entrega dos premios será o venres 14 de decembro, ás 18:00 horas, na Casa do Concello coincidindo co acto de acendido da iluminación de Nadal.
Tralo remate da Festa do Comercio e do Roteiro dos Petiscos toca facer balance. O Concello de Ames e a Asociación de Comerciantes de Bertamiráns (ACB), organizadores destas iniciativas, destacan a boa acollida que tiveron estes eventos entre os veciños e veciñas de Ames e doutros concellos da contorna como Santiago de Compostela, Negreira ou Teo, que se achegaron ata Bertamiráns para gozar dos descontos e promocións dos comercios amieses, así como dos petiscos que serviron os bares desta localidade.
Despois de que a organización falase cos comercios e bares que participaron nestas iniciativas pódese dicir que a opinión xeral é de satisfacción polo bo funcionamento destas iniciativas, que dinamizaron o sector hostaleiro e comercial de Bertamiráns entre o 9 e o 18 de novembro.
O concelleiro de Comercio e Promoción Económica, Bernardo Moar, e o presidente da Asociación de Comerciantes de Bertamiráns, Juan Carlos Zaera, coincidiron en destacar que a Festa do Comercio e o Roteiro dos Petiscos tiveron unha incidencia moi positiva na hostalaría e no comercio amienses. “En xeral o empresariado quedou moi satisfeito co desenvolvendo destas dúas iniciativas. Tanto a Festa do Comercio como o Roteiro dos Petiscos permitiu aumentar o nivel de ventas e a clientela dos bares”, explicou Juan Carlos Zaera. Tamén recalcaron a ampla participación de comerciantes e empresarios hostaleiros, sobre todo tendo en conta que era a primeira edición deste evento. Por último, dende a ACB manifestaron que a maior parte do empresariado participante estaría disposto a repetir a iniciativa.
Como colofón a estes eventos, o vindeiro luns 3 de decembro, ás 19:00 horas, vaise a realizar na Casa da Cultura de Bertamiráns o sorteo de agasallos entre as máis de 2.500 persoas que realizaron algunha compra nos comercios adheridos á Festa do Comercio e as que completaron o libriño do Roteiro dos Petiscos. Trátase dun acto público ao que poden asistir todas as persoas que así o desexen e no que tamén se dará a coñecer o nome do establecemento que recibiu máis votos dos 15 locais participantes no Roteiro dos Petiscos.
Premios que se sortearán
Os premios que se sortearán son un televisor de 42 pulgadas de Milar Reyca; dúas entradas para un circuíto termal no Hotel Balneario de Compostela; unha estancia nunha Casa de turismo rural na Casa do Fidalgo; un xamón reserva da carnicería Corzán; un lacón asado de Coren Grill; un vale de 40 euros no Asador Bidueiro; un menú de fin de semana para dúas persoas no Tropic Burguer; un vale dun euro diario durante un mes na panadería Xallas; un vale de 40 euros en Blanco & Negro; unha sesión de estudio e seis fotos en J. Troitiño; unha sesión de fisioterapia na Clínica Domingo Antón; un vale de 30 euros na carnicería Suso; unha sesión de tratamento, corte e secado en Susana Bello Peluquería; unha almofada de viaxe de Sant-Yago Promociones; tres cursos de persoal shopper online de somosasesoresdeimagen.com; e un mes de clases de inglés na Charles Dickens Academy.
Esta primeira edición contou coa colaboración e patrocinio de Tenda R Bertamiráns, Auto Continental, Grupo 8x8 Sistemas de Seguridad, Gadis, Reyca Cocina, Casa do Fidalgo e Milar, distribuidor de electrodomésticos.
O luns, 3 decembro, realizarase o sorteo pero a entrega dos premios non se desenvolverá ata o próximo 14 de decembro. Será na Casa do Concello, a partir das 18:00 horas, coincidindo co acendido da iluminación de Nadal. Lémbrase que ata o día 13 de decembro está aberto o prazo para que os comerciantes amienses se inscriban na iniciativa Ilusións nos Escaparates e no tradicional Concurso de Escaparates de Nadal. Estas iniciativas enmárcanse dentro da campaña de promoción e dinamización do comercio, que o Concello de Ames preparou para este Nadal de 2012. Na sección de Avisos da páxina web municipal pódense consultar as bases e descargar os impresos de inscrición para participar nestas dúas iniciativas.





