Pestanas principais

Máis de 250 persoas asistiron á clausura do obradoiro de baile e música tradicional

Luns, 18 de xuño de 2012

[18-06-2012] Máis de 250 persoas asistiron onte na Casa da Cultura de Bertamiráns á clausura do obradoiro de baile e música tradicional, no que participaron os grupos de baile e música dos Castros e do Concello de Ames. O acto, que tivo unha duración dunha hora e media e foi todo un éxito, estivo dividido en dúas partes nas que houbo actuacións musicais e de baile.

Ao remate, o alcalde de Ames, Santiago Amor, e a concelleira de Cultura, Eugenia Martín, entregaron un agasallo a todos os alumnos do obradoiro. Tamén asistiron, o concelleiro de Servizos, Ramón Argibay, e o concelleiro do grupo municipal popular, Alfonso Rey.

O acto constou de dúas partes. Na primeira actuaron a escola de gaitas dos Castros e do Concello, que tocou a muiñeira das Patelas, a muiñeira do Molete e a muiñeira de Lugo. A continuación, interviñeron o grupo de baile dos Castros e do Concello que bailaron a xota de Paradela, a muiñeira da Fonte, a muiñeira da Costa, a muiñeira da Peregrina e a Pandeirada.

Na segunda parte tocou a Banda de Gaitas dos Castros, que interpretou o fandango de Ordes e a rumba dos cinco mariñeiros. Despois volveron bailar os membros do grupo dos Castros e do Concello, que bailaron a muiñeira de Ponte Maceira, a muiñeira Buxos Verdes, a xota de Fisterra, a muiñeira Espantallo e a muiñeira de Lañas. O acto de clausura finalizou coa Banda de gaitas dos Castros, que tocou o o pasodobre de Santiago para que o público saise a bailar. Antes do remate, o alcalde de Ames, Santiago Amor, que agradeceu a todos a súa asistencia e felicitou aos alumnos e alumnas polo traballo realizado durante o curso. O acto finalizou coa interpretación do Himno de Galicia.

Este curso estivo xestionado pola Asociación Cultural Os Castros. Os participantes asistiron a clases de baile, gaita, pandeireta, percusión e punteiro. As clases impartíronse dende o pasado mes de outubro nos centros socioculturais de Bugallido, Biduído, Trasmonte e na Casa Cultura de Bertamiráns.

Impartición das clases
No próximo curso, o obradoiro de baile e música tradicional seguirase impartindo nos mesmos horarios e lugares mantendo os mesmos horarios e lugares. Deste xeito, os sábado no centro sociocultural de Bugallido impártense as clases de baile, gaita, punteiro, pandeireta e percusión. Ademais, en Bugallido tamén se imparten clases de gaita e percusión os xoves.

Por outra banda, os domingo impártense as clases de punteiro, gaita, pandeireta e percusión no centro sociocultural de Trasmonte. Os luns, na Casa da Cultura de Bertamiráns, impártense clases de gaita e percusión, e os venres, no centro sociocultural de Biduído, ofrécense clases de pandeireta, percusión, gaita e punteiro.