Pestanas principais

Máis de 230 nenos e nenas participarán no Nadal Lúdico

Xoves, 22 de decembro de 2011

[22-12-2011] Chega o Nadal e con el as actividades dos lúdicos do Concello de Ames. Hoxe comezou o Nadal lúdico ao que se apuntaron en total 236 nenos, dezaseis máis que no Nadal lúdico do ano pasado. Coincidindo co inicio das vacacións ponse en marcha un ano máis o programa de actividades do Nadal lúdico que lles permita aos pais e nais conciliar a súa vida laboral e familiar. O programa desenvolverase dende o día 22 de decembro ata o 5 de xaneiro en horario de 7.30 h ata 16.30 horas. En Bertamiráns os nenos e nenas acudirán ao CEIP A Maía e, no Milladoiro, os nenos e nenas de educación infantil irán á EEI Milladoiro e os de educación primaria ao polideportivo. Nos lúdicos desenvólvense actividades e obradoiros que teñen por obxectivo ocupar o tempo de lecer dos máis cativos e cativas dun xeito divertido e educativo e permitindo a nais e pais conciliar o seu traballo coas vacacións dos seus fillos/as.

Esta iniciativa vai dirixida aos nenos e nenas escolarizados no 2º ciclo de educación infantil e en educación primaria empadroados no Concello de Ames. Tamén poden acceder aos programas lúdicos as fillas e fillos de persoas que, estando empadroados noutro concello, teñan os seus postos de traballo neste municipio.

O Nadal Lúdico desenvolverase tanto no Milladoiro coma en Bertamiráns. No Milladoiro son 146 os nenos e nenas que participan no programa lúdico, mentres que en Bertamiráns son 91. Ao longo destes días de vacacións os nenos e nenas pasarán unhas mañás moi entretidas con obradoiros, talleres, contacontos e sesións de cine... Entre as actividades máis destacadas está un obradoiro de cociña para facer turrón, un taller de carta aos Reis Magos, un obradoiro de cociña de galletiñas de Nadal, un taller para decorar a árbore de Nadal, murais, o xogo do amigo invisible, animación con contacontos, as proxeccións "La navidad mágica de Mickey" ou "Pesadilla antes de Navidad" etc.

En xeral, a dinámica que seguirán os nenos día a día será: das 7.30 h a 9.00 h almorzar co Bos Días Cole (opcional), de 9.00 a 10.00 hai xogos e recepción de nenos e nenas, de 10.00 a 11.30 lévase a cabo a xornada educacional, das 11.30 h á 12.00 h hai merenda e descanso, das 12.00 h ás 14.00 h hai un obradoiro relacionado coa xornada educacional, das 14.00 h ás14.30 h hai xogos e tempo libre, de 14.30 a 15.30 é a hora do xantar e a xornada remata de 15.30 a 16.00h cunha sobremesa de xogos e descanso.

Hoxe foi a primeira xornada de Nadal lúdico tanto en Bertamiráns coma en Milladoiro. O día desenvolveuse con total normalidade e os nenos das dúas localidades fixeron un mural de Nadal, xogos de presentación para comezar a coñecerse mellor, e cantaxogos e animación musical.

O Nadal lúdico conta con coordinadores e cun monitor por cada 15 nenos. Os monitores levarán a cabo todas as actividades e coidarán dos participantes en todo momento. Tamén hai unha licenciada en Educación Especial que se ocupará, se é preciso, das necesidades educativas especiais que poidan darse na actividade.