Pestanas principais

Máis de 20.000 persoas visitaron a novena edición da Feira do Comercio Val da Maía, na que se superaron as 4.000 operacións de venta

Luns, 18 de marzo de 2013

[18-03-2013] A Concellaría de Promoción Económica do Concello de Ames deu a coñecer esta mañá o balance de participación e ventas na Feira do Comercio Val da Maía celebrada a pasada fin de semana no Milladoiro. Segundo os datos recabados por este departamento municipal, superáronse todas as previsións e os obxectivos foron cumpridos cunha valoración moi satisfactoria. Na súa estimación, o Concello de Ames cifra en máis de 20.000 persoas o número de visitantes á novena edición da Feira do Comercio nas súas tres xornadas de apertura ao público, nas que se efectuaron máis de 4.000 ventas.

O concelleiro de Promoción Económica, Bernardo Moar, subliñou que “se superaron as expectativas, tanto de afluencia de público como de ventas” e fixo fincapé no éxito de participación de empresas, cun total de 44 expositores, mentres que o ano pasado contabilizáronse 28. Bernardo Moar destacou especialmente a importancia da colaboración entre as catro asociacións de comerciantes, que por primeira vez colaboraron na organización desta feira.

Pola súa banda, a presidenta da Asociación de Empresarios, Comerciantes e Profesionais do Milladoiro (AEMI), Dolores Mella, fixo “un balance moi positivo” da Feira do Comercio, xa que, segundo destacou, “a xente amosou a súa satisfacción e as ganas de repetir este evento”.

A realización deste evento correu a cargo da Asociación de Empresarios, Comerciantes e Profesionais do Milladoiro e, por primeira vez, contou coa colaboración das outras tres asociacións de profesionais e comerciantes de Ames (Asociación de Comerciantes de Bertamiráns; Asociación de Empresarios Novo Milladoiro; e Asociación de Pequenos Comerciantes Viorneira, Palmira Bulebar). O Concello de Ames patrocinou con 10.000 euros este evento e colaborou na organización da Feira do Comercio prestando apoio, loxístico, técnico e de persoal.

No balance das tres xornadas, tamén destaca a boa aceptación que tiveron as iniciativas programadas entorno á Feira do Comercio, como foron as actividades para os nenos/as ou o servizo de gardería. Este último, rexistrou nos tres días máis de 160 nenos e nenas, que se divertiron xogando mentres os seus pais e nais visitaban a feira. O evento rematou na noite do domingo co sorteo dunha estancia nun balneario e de 10 vales do Spa Dental Macía, no que se recontaron máis de 4.000 papeletas.

A novena edición da Feira do Comercio Val da Maía, que se celebrou por primeira vez no Milladoiro, foi a que rexistrou o maior número de empresas participantes e na que colaboraron por primeira vez as catro asociacións de comerciantes de Ames. Durante tres xornadas, un total de 44 establecementos puxeron á venda os seus produtos con grandes descontos. A feira contou con máis de 1.000 metros cadrados de stands comerciais e outros expositores. No evento houbo servizo de gardaría, unha carpa polbaría para comer e outra con inchables, así como varios postos de churros, rosquillas, xeados, etc. Ademais, houbo zonas de aparcamento gratuíto nos arredores do pavillón. 

Próximas actividades
De cara aos meses de verán, a Asociación de Empresarios, Comerciantes e Profesionais do Milladoiro (AEMI) xa está traballando na seguinte actividade de dinamización do comercio. Entre o 10 e o 16 de xuño, desenvolverase no Milladoiro a Festa das Tapas, que este ano, por primeira vez incluirá actividades relacionadas co comercio e a hostalería.

Este evento terá unha estrutura similar ao que se organizou o ano pasado en Bertamiráns, co Roteiro dos Petiscos e Festa das Compras. Este ano repetirase tamén esta actividade en Bertamiráns, e a previsión é que se faga no mes de novembro.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Máis de 20.000 persoas visitaron a novena edición da Feira do Comercio Val da Maía"
La Voz de Galicia: "La Feira do Comercio de Ames tuvo 20.000 visitas y 4.000 transacciones"