Pestanas principais

Máis de 200 veciños e veciñas participan nas xuntanzas veciñais que se celebraron con motivo do proceso de Orzamentos Participativos 2017

Sábado, 10 de xuño de 2017

[10-06-2017] Este pasado xoves, 8 de xuño, remataron as xuntanzas veciñais que se celebraron con motivo do proceso de Orzamementos Participativos 2017. Dende o pasado 18 de maio realizáronse 14 xuntanzas nas que participaron máis de 200 veciños e veciñas das 11 parroquias de Ames. Unha vez rematadas ditas reunións, este venres 9 de xuño, constituíuse a comisión de Orzamentos Participativos. Deste xeito, entre o 9 e o 23 de xuño estará aberto o prazo para que a veciñanza presente as súas propostas a través dun impreso que haberá que entregar nos rexistros municipais. De seguido, unha comisión formada por veciños/as, membros do goberno e técnicos municipais valorará e seleccionará as propostas que se executarán durante o segundo semestre de 2017.


Os orzamentos participativos son unha ferramenta activa de participación e xestión na que a cidadanía fai propostas e decide o destino de parte dos recursos municipais. A través desta iniciativa, que é a primeira vez que se pon en marcha no Concello de Ames, recóllese a proposta do goberno de participación da veciñanza asignando a cantidade de 132.000 euros como orzamento participativo destinado a gastos do Capítulo VI (investimentos reais) cun reparto igualitario de 12.000 euros para cada unha das 11 parroquias (Lens, Tapia, Piñeiro, Ameixenda, Trasmonte, Agrón, Covas, Bugallido, Ames, Biduído e Ortoño) para actuacións no rural.

O goberno municipal está desenvolvendo un proceso participativo que inclúe unha campaña de información e difusión e de xuntanzas veciñais celebradas nas 11 parroquias do municipio. Dende o pasado 18 de maio realizáronse 14 xuntanzas nos locais sociais da Ameixenda, Covas, Cruxeiras, Augapesada, Trasmonte, Tarrío, Bugallido, Piñeiro, Agrón, A Tarroeira, Lens, Oca, Tapia e Biduído, nas que participaron máis de 200 veciños e veciñas. Unha vez finalizados entres encontros coa veciñanza dende o goberno municipal fan un balance moi positivo pola alta participación de veciños/as e polo de debate creado sobre a iniciativa de orzamentos participativos. Ademais, estas xuntanzas serviron para que os participantes lle trasladaran ao goberno as demandas e necesidades de actuacións no rural.

Unha vez rematadas as reunións programadas, abriuse un prazo de presentación de propostas de 15 días que vai dende este pasado venres 9 de xuño ata o venres 23 xuño. Neste prazo a veciñanza, asociacións e colectivos das diferentes parroquias poden presentar as súas propostas e participar. Poderán presentarse propostas relacionadas co capítulo de investimentos como son, entre outras, as seguintes: melloras na iluminación pública; mantemento e mellora de fontes públicas; mantemento de estradas e camiños; actuacións en materia de abastecemento e saneamento; acondicionamento ou mellora de zonas verdes e espazos naturais.

Para isto habilitáronse por parte do Concello uns formularios específicos de propostas que están dispoñibles nas dependencias municipais e poden descargarse desde a páxina web municipal nun banner denominado Orzamentos Participativos 2017 que está debaixo da sección de videoteca. As propostas deberán entregarse nos rexistros do Concello.

A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, explica que “no goberno estamos moi contentos coa participación que se deu nas xuntanzas veciñais. Apostamos por esta nova ferramenta de participación activa e directa da veciñanza na xestión municipal. Agradecemos a todas as veciñas/os que asistiron e animamos á participación de toda a veciñanza para que presenten as propostas e demandas para actuacións e investimentos no noso rural, que poderá facerse desde o dia 9 de xuño ata o 23 de xuño".

Comisión de orzamentos participativos
Cómpre destacar que para o desenvolvemento de todo o proceso designouse unha Comisión de orzamentos participativos, que está composta por membros do goberno, persoal técnico municipal e representantes das diferentes asociacións veciñais das parroquias. Este órgano encargarase de seleccionar as propostas que sexan viables legal, técnica e orzamentariamente.

Unha vez seleccionadas, a comisión clasificara as propostas atendendo aos seguintes criterios por orde de prioridade: mellorar a calidade de vida e as necesidades básicas da poboación do rural; afecten ao maior número de veciñas/os da parroquia; prever a activa participación da veciñanza; favorecer a colectivos vulnerables ou con necesidades especiais; favorecer o desenvolvemento sostible ou aforro económico e/ou a eficiencia enerxética; prever o cofinanciamento por parte da veciñanza. Finalmente, dita comisión publicará unha listaxe de todas as propostas presentadas e elaborará e aprobará a relación definitiva de propostas seleccionadas ordenadas segundo a orde de prioridade e publicara a listaxe definitiva.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Os amesáns poden presentar xa propostas aos orzamentos"
La Voz de Galicia: "El presupuesto participativo admite propuestas hasta el 23"